O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañou hoxe ao alumnado de etapa infantil na iniciativa educativa que tivo lugar no CEIP plurilingüe de Vedra
Na área de Santiago participaron centros educativos da cidade, Melide, Oroso, Padrón e Vedra e un total de 514 alumnos
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá ao alumnado de Infantil e Primaria do Ceip plurigüe de Vedra, onde participou na actividade do programa “Vexo, veo Xacobeo”, creado no marco da programación do Xacobeo 21-22 co obxectivo de promover o coñecemento do fenómeno da peregrinación. Na visita interactuou nesta iniciativa posta en marcha para dar a coñecer os valores do Camiño de Santiago.
Trenor explicou que un dos principais obxectivos deste programa é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro. Ademais, búscase que este tipo de actividades poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
O delegado destacou que “con esta actividade multidisciplinar estamos achegando ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e o Xacobeo para poder traballar, dende as primeiras etapas, estes conceptos que forman parte da súa contorna social e cultural”
No caso provincia da Coruña o programa lévase a cabo nun total de dezaseis colexios. Concretamente, na área de Santiago na cidade no Ceip de Vite e no de Roxos, en Villestro; en Oroso no Ceip de Sigüeiro e no do Camiño Inglés; en Melide no Ceip Martagona e no Mestre Pastor Barral e en Padrón no Ceip Pousana. Nestes centros participaron na actividade un total de 514 alumnos.
Na comarca da Coruña participaron na cidade os Ceip Curros Enríquez, Alborada, Juan Fernández Latorre e Víctor López Seoane e do Concello de Culleredo o Ceip Ría do Burgo cun total de 290 alumnos participantes.
Na comarca de Bergantiños Costa da Morte colaborou con este programa o Ceip Santa Eulalia de Dumbría con 34 alumnos e na comarca do Barbanza en Rianxo o Ceip Alonso D. Rodríguez Castelao e o Ceip Salustiano Rey da Pobra do Caramiñal que xuntos implicaron a 145 alumnos de infantil e primaria.
“Vexo, veo Xacobeo” naceu en 2021 para divulgar, sensibilizar e promover os Camiños de Santiago e do Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. O delegado da Xunta destacou que a iniciativa pretende a recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral aos cativos.
O programa é unha iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do Plan Proxecta +, dirixido a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial.