José Ramón Lete, destacou a importancia do manifesto, a través do cal búscase crecer en ferramentas de loita pola igualdade no deporte
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asinaron un manifesto pola igualdade e pola erradicación da violencia de xénero no deporte, en prol de alcanzar unha sociedade galega igualitaria a través da actividade física e o deporte.
Neste senso, Lete destacou a importancia deste manifesto, a través do cal búscase crecer en ferramentas de loita pola igualdade no deporte. Mais, ata que non se consiga, todo o deporte galego seguirá a loitar polo respecto á liberdade e integridade de todos e todas, pois, a loita contra a discriminación non só e unha loita penal e social, é unha batalla que incumbe a todas as persoas.
Ademais, o secretario xeral para o Deporte destacou figuras de renome como Vero Boquete ou Teresa Portela, como representantes das máis de corenta e cinco mil mulleres deportistas, artífices todas elas do patrimonio común de Galicia que é o seu deporte. Elas son unha mostra do excepcional caudal que é o deporte feminino.
Pola súa parte, Susana López Abella, salientou o papel fundamental do deporte no desenvolvemento da sociedade. Ademais, o seu potencial educativo fai que sexa necesario aproveitar e orientar esta influencia cara á consecución da tolerancia, da igualdade e da non violencia, tanto na sociedade en xeral como no deporte en particular.
Mais, para iso, é necesario substituír a violencia polo diálogo na resolución de conflitos; promover a educación dos nenos e nenas a través da práctica da actividade física e do deporte, para acadar un desenvolvemento social baseado na igualdade; promover a repercusión social da competición feminina; e garantir a igualdade de oportunidades.
Liñas de actuación futuras
A Secretaría Xeral para o Deporte comprométese a solicitarlles a inclusión de actuacións concretas no ámbito deste manifesto como parte necesariamente integrante do proxecto deportivo anual de cada federación deportiva. No ámbito das axudas aos clubs e agrupacións deportivas escolares de Galicia, deberanse incluír as actuacións realizadas por estas entidades no marco do manifesto.
Pola súa parte, a Secretaría Xeral da Igualdade incrementará o seu apoio ás entidades deportivas que así o demanden, no deseño e impartición de contidos formativos relacionados coa igualdade e a prevención da violencia de xénero e acoso sexual. Ademais, facilitaralles material para a difusión do teléfono gratuíto de información ás mulleres, así como calquera outro recursos existente a súa disposición.
Coa sinatura do manifesto, a secretaría xeral do Deporte, coa colaboración da secretaría xeral da Igualdade, aposta por dar batalla e traballar en favor da igualdade a través dos dous principais axentes xurídicos do deporte galego: os clubs e as federacións.