O CDM Vértice organiza unha das escolas de carreiras por montaña que está poñendo en marcha a Federación Galega de Montañismo, grazas a un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e no marco do programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade. Unha iniciativa que conta co apoio dos concellos de Boqueixón e Vedra.
Esta escola arrancará o próximo mes de maio e, ata novembro, será unha actividade gratuíta, grazas ao devandito convenio. O CDM Vértice agarda darlle continuidade ao proxecto para facer desta escola unha proposta estable e permanente. A inscrición está aberta en https://clubvertice.es/escola
O pracer de xogar
Esta actividade estará orientada á diversión e o pracer de xogar. A través dos xogos, os nenos e nenas aprenderán a técnica de carreiras por montaña, coñecerán os diversos terreos cos que se podemos atopar no monte, como aplicar a técnica de carreira a cada terreo… Practicarán xogos para mellorar a condición física e para coidar o medio ambiente. Ademais, introduciranse no mundo da orientación, coa lectura básica de mapas a través de buscas do tesouro. E xa por último adquirirán nocións básicas de nutrición.
A escola está dirixida a nenos e nenas de 6 a 16 anos co obxectivo de achegalos a un deporte distinto no que concorren técnica e velocidade e no que priman valores como o compañeirismo e o respecto pola natureza. Os participantes dividiranse en dous grupos: nad@s entre 2015 e 2010 (martes e/ou xoves de 17:00 a 18:30 horas) e nad@s entre 2009 e 2006 (martes e/ou xoves de 18:30 a 20:00 horas).
Sede no polideportivo de Lestedo
A sede da escola será o Pavillón Polideportivo de Lestedo, situado ao pé do Pico Sacro (Boqueixón). A escola está dirixida por Verónica Calvo Dopazo, actual seleccionadora galega de carreiras por montaña e directora do programa de tecnificación desta disciplina na FGM. Membro do CDM Vértice, Verónica é licenciada en ciencias da actividade física e do deporte e mestra con especialidade de educación física, ademais de contar cun máster de nutrición.
Conta con titulacións en diversas disciplinas deportivas, como a de adestradora nacional de triatlón e natación ou adestradora de voleibol. Ten unha importante experiencia docente e está acostumada a traballar con nenos e nenas. A todo isto suma o seu currículo deportivo, centrada nos últimos anos nas carreiras por montaña, disciplina na que logrou importantes éxitos, como o seu 2º posto na Copa Galega de carreiras por montaña e 2º no Desafío Galaico, ambos en 2019 (ano no que foi convocada coa selección galega) e as súas vitorias no trail da Cidá e no trail de San Isidro na tempada 2020/2021.