Preto de 300 estudantes da ESO do IES da Pobra do Caramiñal asistiron na mañá deste 26 de abril ao Elma para visiona-la peza teatral A parábola do angazo, de Talía Teatro. Fixérono repartidos en dúas sesións organizadas pola Concellaría da Cultura para achegarlle ao público adolescente o valor do teatro e que se atopan ao abeiro do programa Lingua a Escena!, da Deputación da Coruña.
Antes de comeza-las funcións, foron recibidos pola concelleira Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen, acompañada da técnica municipal, Fita Sanisidro, destacou o compromiso da Administración local coa cultura, que se traduce na programación de numerosas actividades orientadas a diferentes rangos de idade ao longo de todo o ano, ademais do apoio ao sector cultural que se viu fortemente prexudicado durante a pandemia. Tamén lles trasladou que o Concello está aberto a recoller todas aquelas accións propostas pola mocidade para o seu desenvolvemento na localidade.
No referido ao espectáculo, trátase dunha comedia dirixida por Diego Rey e protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais, na cal se ofrece unha viaxe pola historia da nosa lingua fiada por unha coñecida lenda recollida polo Padre Sarmiento no século XVII. Enlázanse así diferentes episodios que explican o que sucede no presente.