Saturday 16 de November de 2024

Teatro para estudantes e público en xeral para conmemorar as Letras Galegas


· A programación comezará o 8 de maio coa representación de ‘O Furancho’ de Ibuprofeno Teatro no Auditorio Municipal.

O Concello de Cariño elaborou unha programación cultural para conmemorar o día das Letras Galegas, dedicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán, na que o protagonista é o teatro, tanto para o alumnado do municipio como para o público en xeral.

Comezará o 8 de maio coa representación de ‘O Furancho’ de Ibuprofeno Teatro ás 19 horas no Auditorio municipal, unha comedia hilarante encadrada nun furancho, un espazo de comuñón e complicidade. A entrada será de tres euros.

O 11 de maio, só para o alumnado do IES, ás 12 horas representarase a ‘Epístola de Aldaolado ás Neofalantes’ de Aldaolado. As poetas Lucía Aldao e María Lado válense da retranca que as caracteriza para poñer sobre a mesa unha reflexión sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.
O 14 de maio, ás 19:30 horas no Auditorio municipal, Teatro do Atlántico representará ‘Libre coma os páxaros’ para todos os públicos. Unha obra centrada en Rosalía de Castro na que unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

O propio 17 de maio, día das Letras Galegas, Trémola Teatro interpretará a súa obra dedicada ao autor homenaxeado neste ano 2022 ‘Florencio Delgado Gurriarán’. Será ás 18 horas no Auditorio municipal e a entrada é de balde. Ese mesmo día, a mesma compañía interpretará ‘Que animaliño é?’ para os máis pequenos do PAI de Cariño.