Friday 22 de November de 2024

Ide reservando butaca para Eurovisión, o “fake show” de Bucanero


Sábado 30 de abril, 19:00h, Casa da Cultura. Reservas no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. Esa é a información máis importante que debedes saber para conseguir localidade en Eurovisión… ou polo menos na versión “fake” que nos traen Bucanero Teatro e Manarte partindo do último texto escrito por Lino Braxe, falecido en 2020. Dous anos antes da febre Tanxugueiras, o autor deixou practicamente lista a súa reflexión humorística sobre o concurso da canción, enlazándoa cunha constante na súa obra: o lugar que Galicia ocupa no Mundo e o que el pensaba que merecía ocupar. “Eurovisión. O fake show” chega a San Sadurniño case en primicia. Estreouse en decembro no Jofre, hai unhas datas estivo no Teatro Afundación de Vigo e este sábado recala na nosa Casa da Cultura con entrada gratuíta, aínda que con reserva.

Galicia convértese, por fin, en sede do concurso da canción máis afamado do mundo. A el acoden países europeos e doutras partes do mundo que non son Europa. E, por suposto, tamén Galicia.

Da organización encárgase un equipo minúsculo. Tan pero que tan pequeno que del só forman parte a presentadora do evento -Sabela Hermida- e os dous técnicos -Pedro Picos e Xosé Bonome-, quen interpretan ademais a todo o elenco de cantantes internacionais gracias a un modernísimo sistema de emisión virtual… e totalmente falso.

Eles tamén compoñen un xurado cheo de prexuízos que non dubidará en caer nas corruptelas para facer que o pequeno país do noroeste da Península Ibérica acabe ganando o certame.

A obra é unha comedia de moita risa onde as cancións e coreografías, xunto coas deliberacións surrealistas do xurado, levan o peso dunha historia escrita polo finado Lino Braxe -autor de cabeceira de Bucanero Teatro- case dous anos antes do fenómeno Tanxugueiras.

“Eurovisión. O fake show” representarase o sábado 30 de abril a partir das 19:00h. na Casa da Cultura con entrada gratuíta, aínda que fai falla reserva no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. A peza está dirixida por Rebeca Montero e chega a San Sadurniño coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.