O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitan a sede da entidade
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron a sede do Circo de Artesáns, entidade coruñesa fundada no século XIX baixo o nome oficial de Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns, que este ano cumpre o seu 175 aniversario converténdose nunha das máis antigas de Galicia.
Durante o encontro, púxose en valor a traxectoria da entidade con vistas a posibles colaboracións coa intención de reforzar o seu papel como dinamizador cultural da cidade. Afondouse, ademais, na folla de ruta da programación conmemorativa do seu 175 aniversario durante este ano 2022.
Trátase dunha entidade pola que nos seus anos de vida pasaron diferentes figuras da intelectualidade, literatura, ciencia, pensamento e política. Destaca tamén a súa intensa actividade cultural con concertos, recitais poéticos, obras de teatro ou conferencias. Ademais, grazas ao esforzo desta institución naceu a Cociña Económica.