Thursday 21 de November de 2024

Comezanron as obras de mellora no CPI Cernadas de Castro, nos que se invisten preto de 30.000 euros e que estarán rematadas antes do inicio do curso


A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá os traballos e destacou que a Xunta inviste 55.000 euros na comarca

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron o Colexio Público Integrado (CPI) Cernadas de Castro (Lousame) para supervisar o avance das obras de mellora e acondicionamento que se están a levar a cabo por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Tamén se están a realizar traballos deste tipo nos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Felipe de Castro, de Noia, e Santa Irene, de Porto do Son. O investimento total para todos os centros da comarca é de 54.285 euros, se ben as obras no centro lousamiano concentran case os 30.000 euros.

Do Campo e Villaverde percorreron as dependencias educativas acompañadas pola directora do centro, Pilar Cobas, quen puxo de manifesto a necesidade destes traballos nun centro que conta con 430 alumnos e alumnas. Neste colexio estase a reformar a cuberta do comedor para evitar filtracións e a reparar os canalóns do pavillón.

Durante a visita, a delegada territorial destacou o compromiso do Goberno galego para “o mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa, unha vez máis cos mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade escolar”. Pola súa banda, a alcaldesa de Lousame agradeceu a colaboración da Xunta na realización dunhas obras moi demandadas pola comunidade escolar e aproveitou para presentarlle novas peticións que foron ben recibidas pola delegada territorial.

Así mesmo, Villaverde explicou que “dende o Concello colaboramos no mantemento do centro, facendo obras de pintado e reparación daquilo que podemos” e pediulles celeridade ás empresas que van realizar os traballos pois “temos que aproveitar este tempo que os nenos están de vacacións para facer as obras, que deberán estar rematadas o 1 de setembro”.

Obras en Noia e Porto do SOn

Pola súa parte, no centro de Noia os traballos que se están a levar a cabo consisten na reforma da fachada do edificio para paliar as deficiencias detectadas, mentres que en Porto do Son estase procedendo á reposición das canalizacións e baixantes defectuosas. A máxima representante do Goberno autonómico na provincia destacou que estas actuacións nos centros educativos da comarca de Noia inclúense dentro do paquete de intervencións programado pola Xefatura Territorial de Educación de posta a punto dos centros educativos da provincia para o comezo do vindeiro curso.

Todas estas actuacións están planificadas para ser executadas durante o período non lectivo das vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica. As previsións dos técnicos do departamento autonómico indican que as intervencións estarán rematadas nas próximas semanas.

Do Campo resaltou, ademais, que “o Executivo autonómico traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar a mellorar as condicións de traballo e estudo de mestres e alumnos, así como para dar resposta ás necesidades educativas detectadas nos centros”.