· Para o financiamento deste proxecto solicitou unha subvención europea para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos públicos.
· O obxectivo é reformar o espazo, creando un vestíbulo, unha estancia ampla con zona de ocio e de actividades, despacho, aseos…
· Esta iniciativa complementaría á futura Casa do Maior que se está ofertando tamén noutra planta deste edificio.
O Concello de Camariñas elaborou un proxecto valorado en 208.024,10 euros para crear un centro social na planta baixa do Centro de Iniciativas, situado na rúa Real. Para o seu financiamento, ven de solicitar unha subvención europea para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos públicos.
O obxectivo desta actuación será converter a planta baixa do Centro de Iniciativas nun centro social que se destinará á atención e entretemento das persoas maiores do municipio. Para isto, crearase un vestíbulo de entrada ao recinto, que facilitará o acceso a unha estancia ampla onde uns estantes móbiles crearán zonas de paso e dous espazos independentes, un que se destinará a zona de ocio e outro para o desenvolvemento de actividades terapéuticas.
Ademais, o centro social estará dotado dun despacho, aseos, dos que un estará adaptado para persoas con mobilidade reducida, e dunha zona con máquinas expendedoras, lavadoiro e papeleira. Tamén se habilitará un cuarto de limpeza e un armario-almacén para gardar o material didáctico e o mobiliario que se utilizará nas actividades.
Esta iniciativa complementaría á futura Casa do Maior que o Concello de Camariñas oferta actualmente para executar na planta do Centro de Iniciativas na que se realizan os diferentes obradoiros, habilitando así o edificio como un equipamento dirixido tanto á mocidade como tamén ás persoas maiores do municipio.