Friday 22 de November de 2024

Pasou a Feira da Plantación, pero as actividades arredor do rural proseguen en San Sadurniño


O Concello ofrece dúas charlas dentro do ciclo “Apostando polo sector primario” e esta mesma semana tamén comeza o curso de apicultura

O Concello pechou onte unha exitosa feira dedicada á planta e a flor que volveu cumprir de sobras o seu obxectivo de ser escaparate para os viveiros da zona, pero tamén do potencial de desenvolvemento socioeconómico do rural. De feito, arredor da feira organizáronse as xornadas formativas “Apostando polo sector primario” centradas nas oportunidades que ofrece a agrogandeiría como medio de vida. As charlas comezaron o venres tratando as posibilidades da nosa comarca para autoabastecerse de alimentos e o sábado vimos a experiencia do espazo colaborativo Daquí Darredor, situado en Brión, similar no seu concepto e filosofía ao centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. As seguintes citas de “Apostando polo sector primario” son este venres 29 de abril e o venres 6 de maio. As inscricións para cada unha das charlas poden facerse no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Neste mesmo contacto tamén recollen as inscricións para os cursos de fructicultura e de apicultura ofrecidos polo Concello, a AGFA do Eume e a Casa do Mel.

Para entendernos, por un lado están as charlas de “Apostando polo sector primario” e por outro están os cursos de apicultura e fructicultura, que tamén van comezar en breve. É máis, o de perfeccionamento no manexo das abellas ofrecido pola Casa do Mel empeza este mesmo sábado, mentres que o de froita botará a andar a finais de maio.

Pero vaiamos por partes e en orde para non mesturar, comezando polas dúas citas que aínda faltan de Apostando…

O venres 29 de abril, a partir das 18:30h, o técnico da Casa do Mel, Iago Vilela, impartirá unha charla sobre o mundo da apicultura dándo razóns para dedicarse a esta actividade e tamén información sobre como facelo: axudas, alta como persoa apicultora profesional, posta en funcionamento da explotación, comercialización, contabilidade, etc.

Á última das charlas de “Apostando polo sector primario”, o venres 6 de maio ás 18:30h, virá como convidado José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Esta entidade traballa desde hai décadas no desenvolvemento agrario e económico do rural galego e ten en marcha un programa de apoio ao emprendemento do que xa xurdiron varios proxectos dedicados á produción e transformación agroalimentaria.

Recordamos que a cada unha das charlas poderán asistir ata 35 persoas, previa inscrición no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. Terán lugar na Casa da Xuventude.

Cursos da AGFA e da Casa do Mel

O Concello, a AGFA do Eume e a Asociación Casa do Mel tamén colaboran para ofertarnos formación técnica no campo da apicultura e da fructicultura. Hai convocados dous cursos, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro que tratará ao longo de cinco xornadas cuestións avanzadas sobre o coidado das colmeas.

30 de abril, 1, 7, 8 e 19 de maio: Perfeccionamento no manexo das abellas
Durante estas cinco xornadas veremos con Iago Vilela cuestións moi concretas sobre o coidado e reprodución das abellas. Os temas que se van tocar son: sanidade apícola, probas de selección, cría de raíñas e formación de núcleos.

A formación teórica impartirase na Casa da Xuventude, mentres que as prácticas se farán no apiario da Cortiña, en horario de 9:00 a 13:00 os catro primeiros días, mentres que o último -o 19 de maio- o curso trasladarase á Casa do Mel de Goente con horario de 16:00 a 20:00h. A data límite para apuntarse é este mércores 27 de abril ás 14.00h.

Terán prioridade as veciñas e veciños de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel. En ambos casos o obradoiro ten un prezo de 20€, mentres que para o resto de inscricións o prezo serán 40€. É necesario xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo e de 20 como máximo.

21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño, de 9:00 a 14:00h.: Iniciación á fructicultura
O enxeñeiro técnico agrícola e especialista en fructicultura Luís Quinteiro encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras.

A actividade abordará a analítica e fertilización do chan, os tipos de poda, o control de pragas e enfermidades por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado.

A teoría tamén se dará na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso ten un prezo de 30€ para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto, 60€. Podedes apuntarvos ata as 14:00h. do día 18 de maio. Só hai 20 prazas dispoñibles.

As inscricións hai que facelas a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Ambas propostas formativas están incluídas nos convenios de colaboración suscritos recentemente polo Concello tanto coa AGFA como coa Casa do Mel.

Formación para usuarias e usuarios do centro A Fusquenlla

Tamén cómpre lembrar, por último, que permanece aberto até o 15 de maio o primeiro curso de capacitación para o manexo das instalacións do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado en San Ramón.

Ofértanse un máximo de 15 prazas e esixirase das persoas participantes o compromiso de asistir polo menos ao 90% das horas de cada módulo. Ademais será necesario superar con suficiencia todos e cada un dos apartados formativos para poder ser admitida despois como usuaria ou usuario da Fusquenlla. Se houbese máis solicitudes crearíase unha lista que se terá en conta para outro curso que se prevé realizar no segundo semestre do ano.

As solicitudes hai que presentalas a través do formulario dispoñible na web www.afusquenlla.gal, onde hai máis información sobre o curso e sobre o proxecto en si.