Saturday 16 de November de 2024

O PSdeG-PSOE denuncia o abandono da zona de Agra Verde, en Pastoriza


A veciñanza segue agardando pola urbanización na contorna do instituto e ten que enfrontarse diariamente á acumulación de maleza, á presenza de ratas e ás deposicións de animais.

Hai agora catro anos, en abril de 2018, o goberno municipal de Arteixo anunciou a urbanización das rúas Lagarto, Millareira, Campanilla e Agra Verde, na contorna do IES de Pastoriza. Algúns meses despois anunciaran tamén a cesión dos terreos, por parte da inmobiliaria ALISESEDA, para acometer a primeira fase da actuación, coa idea de que as obras comezaran xa naquel mesmo ano, pero a maquinaria nunca
fixo acto de presenza. En 2021, o Grupo Municipal Socialista denunciou no pleno o abandono da zona e dende entón, a situación non fixo máis que empeorar.

As protestas veciñais sucedéronse nos últimos meses. A acumulación de maleza na rúa Agra Verde é un problema evidente, ao que hai que sumar ademais a falla de limpeza na zona. Varias persoas denunciaron a aparición, cada vez con máis frecuencia, de deposicións das mascotas da veciñanza e contan con probas gráficas da presenza de ratas no lugar. A concelleira socialista Patricia Boedo denuncia que “moita xente tivo que enfrontarse a situacións desagradables derivadas da neglixencia
do goberno do PP e o retraso no inicio das obras”.

Promesas incumpridas
O PSdeG-PSOE volverá reclamar, no próximo pleno, a limpeza inmediata da maleza e o inicio urxente dunha intervención urbanística pola que a veciñanza leva agardando máis de catro anos. O proxecto anunciado no seu momento contemplaba, entre outras actuacións, a habilitación dunha saída para a rúa Agra Verde e a construción dunha zona verde na intersección desta vía coa rúa Lagarto. “Xa que o PP de Carlos Calvelo é incapaz de cumprir as súas promesas, polo menos que cumpra coas súas obrigas e garanta o correcto mantemento dos espazos públicos”, indica Patricia Boedo.