A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e os alcaldes de Frades, Roberto Rey, e Mesía, Mariano Iglesias, asistiron á sinatura da acta de replanteo
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo;e os alcaldes de Frades, Roberto Rey, e de Mesía, Mariano Iglesias, visitaron a parcela da parroquia de Céltigos (Frades) na que se acaban de iniciar as obras de construción do punto limpo coa sinatura da acta de replanteo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas financiará esta actuación ao 100% cunha achega de 263.178 euros.
O proxecto enmárcase no desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020 e prestará servizo tanto aos veciños e veciñas de Frades como aos do concello limítrofe de Mesía. O prazo de execución das novas instalacións de xestión de residuos será de catro meses, polo que poderán entrar en funcionamento antes de que remate o ano.
Do Campo explicou que a actuación consistirá na disposición de dúas plataformas a distinto nivel, unha elevada a 1,45 metros por riba da outra, quedando separadas a zona de carga da zona de descarga. Este desnivel facilitará a vertedura nos contedores.
O futuro punto limpo permitirá realizar a xestión de residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade. Así, haberá distintos contedores para depositar disolventes, aceites minerais, aceites vexetais, pilas, fluorescentes, baterías, residuos perigosos, entullos, vidro, aerosois, radiografías, así como para restos de poda, roupa, cartón e papel, envases e residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.
Importancia da reciclaxe
Pola súa banda, o alcalde de Frades, Roberto Rey, salientou a importancia deste punto limpo “polo que levamos traballando xa tempo, tanto o Concello de Frades como o de Mesía, coa intención de facilitarlle a reciclaxe dos residuos aos nosos veciños e veciñas”. De feito, a máxima representante do Goberno galego na provincia recordou que entre os obxectivos fundamentais desta infraestrutura están os de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente ou a saúde, evitar a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.
Esta iniciativa estende e reforza a rede de puntos limpos municipais financiados pola Xunta en toda Galicia, que con esta nova infraestrutura contará con case 150 instalacións, das que 139 están remadas e cinco en fase de proxecto, licitación ou construción. No caso da provincia da Coruña, desde 2012 construíronse tres puntos limpos: Porto do Son, Fene-Cabanas e Sada. Ademais, na actualidade está en marcha o proxecto para proceder ao selado do antigo vertedoiro de Boiro, situado na antiga canteira de Runes, co fin de lograr unha distribución estable dos residuos e o control de augas de escorrentía e lixiviados.