Friday 22 de November de 2024

Presentación de “Estampas do mundo elegante”, edición tributo do libro de Chichi Campos, no Museo do Humor


O pasado 26 de febreiro cumpríronse 30+1 anos da morte de Chichi Campos, “pioneiro da banda deseñada, axitador cultural e cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia”. En homenaxe ao autor, o seu fillo Nico Campos coordinou unha nova edición de “Estampas do mundo elegante” (compilación de artigos e viñetas publicadas en A Nosa Terra entre decembro de 1983 e marzo de 1991) aos que se engadiron máis de trinta colaboracións. O volume, titulado “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” preséntase este xoves ás 19.30 horas no Museo do Humor de Fene nun acto no que estará presente, canda o fillo de Xesús Campos, o director de cine, productor, guionista e colaborador no libro Marcos Nine.

“Chichi Campos pertence á estirpe dos que miran onde non se pode mirar e dos que moven a lingua doutro xeito”, di no prólogo do libro o escritor Manuel Rivas. “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” pretende recuperar e reivindicar a figura e a obra dun autor galego que soubo retratar coma poucos as transformacións que se estaban a producir na sociedade, na cultura e na política deste país naquel tempo”. O libro, editado por Tórculo, é so o primeiro paso dunha merecida homenaxe xa que todos os beneficios da venda irán destinados a financiar un documental sobre Xesús Campos, dirixido polo seu fillo co respaldo da productora Ollovivo (“Beiras: Vivir 2 veces”).

Chichi Campos (La Laguna, 1952 – Compostela, 1991) non facía prisioneiros e, seguramente por iso, a súa figura incómoda e satírica segue a ser unha das máis esquecidas da cultura galega dos primeiros anos da democracia. Campos era experto en descreber personaxes e ambientes cunha ironía afilada que cortaba como se te achegabas demasiado. Iso foi o que fixo cos seus artigos en A Nosa Terra entre
decembro de 1983 e marzo de 1991 que foron recompilados no libro Estampas do mundo elegante.

Imposible de atopar dende hai anos, Estampas volve agora, trinta anos despois, nunha edición tributo coordinada polo seu fillo, Nico Campos. Nico embarcou nesta aventura a case 40 persoas: xornalistas, guionistas, escritores, músicos, cineastas ou twitstars encargáronse de comentar os artigos orixinais, darlles contexto ou, directamente, homenaxealos.

A lista completa está formada por Aida Bao, Ana Ponte, Antonio Díaz Ageitos, Anxo Rabuñal, Belén Regueira, Camilo Franco, Carlos Ares, Carlos Gómez López (@ElHumanoide), Carlos Meixide, Carlos Santiago, Cristina Díaz Pardo, Daniel Salgado, David Lombao, Denís Estévez, Enrique Lojo, Fernando Fernández Rego, Gonzalo Cortizo, Gonzalo G. Velasco, Iria Taibo, Jose Manuel Sande, Julián Hernández, Lidia Fraga, Luís Pardo, Mabel Montes, Manuel Barreiro, Marcos Nine, María Yáñez, Marta Veiga Izaguirre, O’leo, Patricia A. Janeiro (@serióloga), Pilar Gª Rego, Tamara Montero, Valeria Pereiras, Xan Codesido e Xosé Hermida. E con prólogo de Manuel Rivas e epílogo de Ledicia Costas. O libro pode mercarse nas presentacións ou nesta ligazón: https://www.pergamolibrary.com/inicio/66 estampasdo-mundo-elegante.html