As ilustracións da mostra “Involución” poderán visitarse na Casa da Cultura de Lousame ata o vindeiro 27 de maio
Ducias de nenos e nenas de Lousame, entre 3 e 12 anos, e as súas familias participaron esta mañá na Casa da Cultura Santeiros de Chave da programación deseñada para conmemorar o Día do Libro. Unha programación que o Concello de Lousame fixo xirar en torno á reciclaxe e o coidado do medio ambiente, da man da ilustradora sonense Sara Iglesias Vázquez, que primeiro fixo un percorrido pola exposición “Involución” e “Balbina”, despois ofreceu o contacontos “Balbina”e rematou cuns obradoiros para as crianzas.
A mostra combina ilustracións en acrílico e dixital de “Involución” e do conto “Balbina”. “Involución” está dedicada á nai Terra e, como asegura Sara Iglesias, “non se trata só de ollar as ilustracións, tamén hai que sentilas e para iso contamos con diferentes elementos debaixo delas. Porque a nai Terra precisa da axuda de todos para evitar a contaminación e preservar o noso medio ambiente”. A mostra poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame ata o vindeiro 27 de maio. O horario de visita é de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, e os luns, mércores e venres, tamén de 18:00 a 21:00 horas.
Contacontos especial
Tras a visita á exposición, Sara Iglesias ofreceu un contacontos que, no caso de Lousame, ten un significado moi especial pois toma como referencia unha persoa real, veciña da localidade. “Balbina é un conto ilustrado que fixen en homenaxe á miña avoa de 101 anos xa que a ela de pequena lle pasou esa historia”, explica Sara Iglesias. “Ela quería ir á festa pero non tiña zapatos e os que tiña estaban todos rotos e co material que encontrou pola casa puido crear algúns”, como fixeron hoxe os nenos e nenas de Lousames porque “traballamos a creatividade non só a nivel artístico senón a creatividade como medio para mover a sociedade”, explica Iglesias Vázquez.
Tras o contacontos, a rapazada repartiuse en dous grupos de idade, de 3 a 6 anos, e de 7 a 12 anos para desfrutar dunha serie de obradoiros, nos que elaboraron chapas, marcapáxinas e os zapatos que “Balbina” fixo para poder ir de festa. Uns obradoiros nos que empregaron material de refugallo para faceren as súas creacións.
Con esta xornada, o Concello de Lousame pon o punto final á programación especial do mes do libro. Un programa iniciado o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, no que se recomendou a lectura en liña de dous clásicos (“Pulcarcita” e “O traxe novo do emperador”), achegarse á figura de Hans Christian Andersen ou ler a mensaxe que Richard Van Camp deixou para nenos e nenas do mundo co gallo do Día Internacional do Libro Infantil 2022.