Friday 22 de November de 2024

Persoas refuxiadas de Ucraína súmanse á carreira C10 deste domingo


Continúa aberta a recollida de doazóns na páxina web de Carreiras Galegas. A concentración habitual de cada domingo en María Pita trasladarase ao Parrote

A carreira popular C10 deste domingo será dobremente especial. Por unha banda, trátase dun dos percorridos máis rápidos deste clásico da cidade.

Por outra, na liña de saída haberá persoas refuxiadas de Ucraína, que foron invitadas polo Concello da Coruña a participar.

Serán dous adultos, unha muller e un home, e un menor os que, por agora, estarán presentes na C10. Ademais, todos os participantes levarán unha camiseta conmemorativa que conta coas cores da bandeira de Ucraína e a palabra ‘paz’ nunha das mangas. Por outra banda, persoas ucraínas residentes na cidade, fundadoras de AGA-Ucraína, serán as encargadas de dar a saída da carreira. Outras cinco mulleres, todas elas refuxiadas, encargaranse de dar a saída ás probas de menores.

Todas estas persoas, ás que o Concello da Coruña apoia activamente na súa loita por visibilizar a situación no seu país e axudar ás persoas que continúan alí, estarán presentes na entrega de premios da categoría absoluta, prevista para as doce do mediodía. Tamén asistirán á entrega de medallas a alcaldesa Inés Rey, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira. A concentración habitual de persoas ucraínas en María Pita trasladarase con motivo da carreira ao Parrote.

Por outra banda, continúa aberta a recollida de doazóns na páxina web de Carreiras Galegas a través da compra do dorsal número 0. Ademais, este domingo haberá urnas no Parrote para recadar fondos de maneira presencial. Todas aquelas persoas que fagan unha doazón de 20 euros ou superior levaranse unha camiseta co lema ‘United for Ukraine’. Todo o recadado destinarase á compra de material sanitario para Ucraína.

Está previsto que a carreira C10, organizada polo Concello a través da concellaría de Deportes e a Federación Galega de Atletismo, comece no Parrote ás 10 da mañá. Tras a súa disputa será a quenda das categorías inferiores. Ademais, haberá unha sesión de zumba solidaria con Ucraína no Parrote a partir das 12.15 horas.