Friday 22 de November de 2024

O BNG demanda a exposición pública dos proxectos relacionados co Vial18


– A engádega dun novo viario, acordado entre o Goberno de Rioboo e o Ministerio, sen sometelo a exposición pública, xera indefensión entre as persoas afectadas.

– A exposición debera incluír tanto ese novo vieiro paralelo ao proxectado inicialmente, como o proxecto de duplicación da AP9 ao seu paso por Vilaboa, até a área de servizo.

– Os proxectos do Estado e da Xunta para o Vial18 e a Vía Ártabra parecen encamiñados a xerar tráfico na AP9, en beneficio da empresa explotadora.

– As infraestruturas viarias deben planificarse consensuadamente a nivel comarcal, sempre buscando o beneficio social do conxunto da cidadanía.

– As contínuas engádegas e modificacións do proxecto do Vial18 veñen a demostrar a súa improcedencia, debendo retomarse a opción de conexión en Almeiras a través da área de servizo e do vial do aeroporto.

O BNG de Culleredo ven de presentar unha moción para o seu debate en Pleno, na que solicita o apoio de toda a Corporación municipal para que se someta a exposición pública o proxecto completo do Vial 18. Isto ten que incluír o vieiro paralelo, acordado entre o Goberno municipal e o Ministerio, e tamén o proxecto de duplicación da AP9 até a área de servizo.

No escrito da moción faise referencia ao caso da Vía Ártabra, no que as decisións unilaterais da Consellería e do Goberno Feijoo levaron á Xustiza á declaración de nulidade do proxecto, en base ás deficiencias na tramitación, ignorando as afectacións ambientais e desprezando o trazado consensuado previamente cos Concellos.

No caso do Vial18 a engádega dun novo viario, paralelo ao proxecto inicial, sen sometelo a exposición pública, deixa en condicións de indefensión a persoas que inicialmente non estaban afectadas e que agora pasan a estalo directamente.

Esa vulneración do dereito de información dos cidadáns reitérase coa ausencia de avaliación ambiental, unha temeridade procesual, xa que a incorporación dun novo vial supón un cambio substancial do proxecto inicial que a ninguén lle pasa inadvertido.

Tanto no caso da conexión do Vial18 como na Vía Ártabra, os proxectos dos gobernos do Estado e da Xunta parecen primar o feito de dirixir o tráfico a un vial privado, co conseguinte beneficio económico para a empresa explotadora do mesmo.

Tanto no caso da conexión do Vial18 como na Vía Ártabra, os proxectos dos gobernos do Estado e da Xunta parecen primar o feito de dirixir o tráfico a un vial privado, co conseguinte beneficio económico para a empresa explotadora do mesmo. Débese primar unha planificación das infraestruturas a nivel comarcal, cuns trazados consensuados, ao servizo do conxunto da cidadanía e respectando todos os seus dereitos.

Para o BNG de Culleredo as contínuas engádegas e modificacións do proxecto do Vial18 veñen a demostrar a súa improcedencia. Debe retomarse o estudo da conexión en Almeiras a través da área de servizo e do vial do aeroporto, opción que ten custos económicos, sociais e medioambientais moi inferiores.