Friday 22 de November de 2024

Sánchez Bugallo destaca, no debate do estado do municipio, o avance nos obxectivos marcados e a eficacia das medidas adoptadas para paliar a criseInicio Actualidad Sánchez Bugallo destaca, no debate do estado do municipio, o avance nos obxectivos marcados e a eficacia das medidas adoptadas para paliar a crise


O debate sobre o estado do municipio comezou cun minuto de silencio polas vítimas de violencia machista

Sánchez Bugallo: “Santiago demostrou que, a pesar das dificultades, non só fomos quen de habilitar medidas para facerlles fronte cun importante nivel de eficacia, senón que tamén fomos quen de avanzar de forma decidida e clara na consecución dos obxectivos que nos tiñamos marcados e, aínda máis, imos demostrar que somos quen de deseñar un proxecto de futuro no que todas teñamos cabida”.
2022.04.23 Debate Estado Municipio. Intervención alcalde

Sindo Guinarte: “o discurso da oposición non é unha crítica sólida. Agárrase, como un cravo ardendo, a un relato que fala dun goberno falto de acción, non dialogante, sen proxecto de cidade…, cando esas afirmacións están contraditas polos feitos e polos datos que puxo sobre a mesa o alcalde e que non foron refutados”.
O pleno extraordinario sobre o debate do estado do municipio, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, comezou, como ven sendo habitual, cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista.

O pleno estivo presidido polo alcalde de Santiago. Na foto, na mesa presidencial con Mercedes Rosón e Mila Castro.

A continuación, o rexedor contextualizou o actual escenario mundial no que nos atopamos. Deulle o pésame e solidarizouse coas “familias, amigos e compañeiros dos composteláns e compostelás falecidos a consecuencia da COVID 19”, e lembrou que “cando xa viamos a saída do túnel da pandemia, o pasado 24 de febreiro a Rusia de Putin decidiu invadir Ucraína, desencadeando un atroz conflito entre pobos ata agora irmáns, cunha dureza, un salvaxismo, unha violencia extrema contra a poboación civil e unha destrución do medio ambiental e patrimonial sen parangón desde a Segunda Guerra Mundial. Todos nós estamos a carón das vítimas, dos agredidos, dos que defenden as súas liberdades e as nosas, e tamén o dereito internacional. Non caben equidistancias nin ambigüidades”, sinalou.

Sánchez Bugallo referiuse a continuación, á incertez do actual contexto político e social, a causa deste conflito bélico: “Non é posible saber hoxe cando vai rematar, nin como, nin o alcance das súas consecuencias, aínda que é previsible que, máis alá da propia duración do conflito armado, estas se prolonguen durante anos. Á terrible catástrofe humana que está provocando esta guerra, súmanse os efectos sobre a economía a nivel mundial, se ben cabe esperar unha certa estabilización das súas consecuencias neste aspecto nos vindeiros meses: inflación, subidas desorbitadas dos prezos das materias primas, etc.”.

Esta crise, continuou, “estános obrigando a reestruturar a nosa orde de prioridades, non altera os obxectivos fundamentais que tiñamos marcados: debemos seguir traballando na igualdade efectiva entre todas e todos; avanzando na ampliación e diversificación das bases económicas desta cidade; seguir achegando innovación e emprendemento como alternativas de futuro; e poñendo en valor os enormes activos de Santiago: a Universidade, a súa historia e o seu patrimonio histórico; a cultura, como elemento diferencial da cidade e como un enorme capital de futuro; e a capacidade da cidadanía de desenvolver iniciativas propias”.

A continuación, o alcalde, reiterou “a absoluta confianza na nosa capacidade, de Santiago e de Galicia, da nosa cidadanía, para superar esta crise e mesmo saír fortalecidos dela”.

Políticas sociais

Lembrou que no “exercicio pasado, ao igual que no anterior, o Concello debeu dar resposta ás necesidades máis perentorias da sociedade, e fíxoo actuando en tres eixos fundamentais: apoio ás persoas en situación máis vulnerables; apoio decidido aos sectores económicos máis gravemente afectados; e mantemento dos servizos públicos en circunstancias moi diferentes ás que viñan sendo habituais e para as que estaban concibidos”.

No apartado de actuacións de apoio ás persoas en situación máis vulnerable destacou o reforzo dos dispositivos postos en marcha no ano 2020, que permitiron incrementar o persoal deste servizo de 17 persoas en 2019 a 28 no ano 2021; a realización do novo contrato do SAF (Servizo de Axuda no Fogar), cunha suba no seu orzamento de 1.979.666 euros/ano a 3.080.048 euros/ano. “Isto permitiunos aumentar o número de persoas beneficiarias do servizo polas modalidades de libre concorrencia ou dependencia de 325 en 2020 a 518 en 2021, e reducir a listaxe de agarda de 203 o 30 de decembro de 2020 a 37 na mesma data do 2021”, explicou o rexedor.

A maiores, púxose e marcha o Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS), en colaboración coa Cruz Vermella, e aumentouse o orzamento dedicado ao programa de Renda de Garantía Básica en 70.000 euros. Tamén se continuou co programa de bolsas comedor cun incremento do orzamento de 20.000 euros, cun total de 568 beneficiarios, e sen lista de agarda “por primeira vez se asinou un acordo de colaboración coa federación de ANPAS para mellorar a xestión das bolsas municipais”. O alcalde detacou a cesión á Xunta dunha parcela de 6.000 metros cadrados para a construción por parte da Fundación Amancio Ortega dunha residencia pública da terceira idade.

PRESS

Tamén foi destacado o apoio aos sectores económicos máis gravemente afectados pola crise, no marco do Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago (PRESS); coa posta en marcha das campañas comerciais “Eu merco aquí”, “Prima 21, a festa do comercio local”, e a de reactivación das compras mediante bonos de aparcadoiros, cunha achega de 100.000 euros. Tamén destacou os programas “Coidar para mellorar” e os “exitosos Bonos Corazón Compostela, que contaron cun orzamento de 600.000 euros”.

A todas estas actuacións, continou Sánchez Bugallo, hai que sumar as axudas directas para a reactivación do comercio local, ás que se destinaron 600.000 euros iniciais máis 1.904.000 euros, e que permitiron atender 828 solicitudes. “Tamén se puxeron en marcha as axudas para o rescate da hostalaría, restauración e turismo cunha achega inicial de 1.600.000 euros e unha segunda de 1.747.105 euros. En total atendéronse neste ámbito 1010 solicitudes”, explicou. En canto ao sector cultural, habilitouse unha partida de 442.000 euros.

Servizos públicos

Na súa intervención, o alcalde destacou o mantemento, por parte do Goberno Municipal, dos servizos públicos “en circunstancias moi diferentes ás que viñan sendo habituais e para as que estaban concibidos”, a causa precisamente, desa crise económica. “Cómpre destacar os enormes esforzos realizados, co incremento de custos correspondentes, en materias como comedores escolares, limpeza de centros educativos ou servizo de transporte público urbano. No referente aos centros educativos, estamos a falar dun incremento de custo soamente no ámbito da limpeza superior aos 30.000 euros mensuais. En canto ao transporte público, mantívose o 100% da oferta de servizos, aínda que a recuperación do número de usuarios se situou nun 66% en relación ao ano 2019 (5.045.549 viaxeiros fronte a 7.633.113). Nos últimos tres meses está xa cerca do 80%, o que obriga a asumir ao Concello o diferencial entre os ingresos e os gastos, coas conseguintes consecuencias no relativo ao custo deste servizo”, sinalou.

Retos

O alcalde lembrou que todos os grupos municipais subscribiron na Cámara de Comercio, xunto co Foro Cívico, un acordo, aprobado logo por unanimidade no Pleno da Corporación do mes de xuño de 2019, no que se definiron os obxectivos prioritarios do mandato, que ademais deberían quedar á marxe da confrontación política. Eran a industrialización de Santiago de Compostela; a estación Intermodal, as infraestruturas A54 (Orbital e Orbitaliño); a EDAR; e a reforma e modernización da Administración Local.

No apartado de industrialización, destacou a posta en marcha do BIOPOLO; a adquisición da maioría das acción de UNINOVA e a conversión da mesma en medio propio do Concello de Santiago; “que lle permitirán afondar no seu papel de entidade promotora da innovación empresarial e do emprendemento”, acompañar os proxectos do living lab no marco do proxecto Smartiago; e a asunción da oficina técnica de xestión do proxecto da Plataforma Loxística de Última Milla, que ten como obxectivo a creación dun centro loxístico de distribución urbana.

Estas iniciativas, sinalou o alcalde, sumadas ás que se están a desenvolver dentro da programación de Compostela Móvese, “supoñen unha aposta por afondar en políticas de desenvolvemento económico dirixidas á diversificación da nosa base económica, impulsando o sector industrial e o ámbito dos servizos dentro dun modelo económico baseado na economía circular, social, de proximidade e colaborativa”.

Tamén se referiu, Sánchez Bugallo, ao o compromiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de abordar a ampliación do Polígono idustrial da Sionlla a través do desenvolvemento do SUND 29, cunha superficie de 40,75 hectáreas.

Respecto da estación Intermodal, o rexedor lembrou que en 2021 se puxo en funcionamento a estación de autobuses e a pasarela de acceso e conexión coa estación do tren, coa rúa do Hórreo e con Pontepedriña. E que desde o pasado mes de marzo, está en construción a nova terminal de viaxeiros, cun custe de 30 millóns de euros e cunha previsión de remate das obras no ano 2024.

No apartado de infraestruturas, explicou que continúan avanzando as obras do Orbital e mantense a data de remate para o vindeiro ano 2023; e que tamén continúan en construción os tramos pendentes Arzúa-Melide e Melide-Palas de Rei. En relación ao Orbitaliño, avanzou que “está prevista a saída a información pública do proxecto nas vindeiras semanas”.

En relación coa EDAR, “asinouse o convenio entre Acuaes, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago para a construción e posta en funcionamento da nova EDAR”, sinalou Sánchez Bugallo. As obras están adxudicadas por 56,2 millóns de euros, sen IVE, coa tecnoloxía de membranas, tamén a dirección facultativa da obra por 1.543.520 euros sen IVE, “e actualmente, atópanse en fase de información pública tanto a expropiación dos terreos necesarios como as autorizacións medio ambientais para a subministración eléctrica desde a subestación do Milladoiro e para o propio proxecto técnico da EDAR”, avanzou o rexedor.

En canto á reforma e modernización da administración local; entre as accións levadas a caboi, destaca a implantación da solución de administración electrónica adxudicada no mandato anterior. Sánchez Bugallo subliñou que “o 1 de febreiro entrou en funcionamento a nova xestión dos ingresos a través da plataforma ESTIMA e da correspondente Oficina tributaria virtual integrada na sede electrónica. Ademais, incorporáronse as autoliquidacións. Durante todo o exercicio 2021 foise afinando e completando a configuración, e poñendo en marcha servizos de ambas aplicacións. No caso da plataforma de administración electrónica, fóronse revisando e engadindo trámites ata acadar un total de 575 mecanizados”, indicou.

Finalizou tamén a posta en funcionamento da aplicación de xestión policial APPOLO, segundo recordou o alcalde, “que permite una xestión integral da Policía Local. Para o ano 2022, están previstas unha serie de actuacións entre as que destaca a solución a adoptar en materia de Ciberseguridade. Estamos estudando a posibilidade de adherirnos ao acordo marco da AMTEGA para diputacións e concellos”. Durante o ano 2022 implantaremos a solución de tramitación de facturas baseada na aplicación FIRMADOC, o que permitirá tramitar integramente en dixital todas as facturas. Está prevista tamén a creación da tarxeta cidadá e dunha APP do Concello que integre todo tipo de servizos municipais”, avanzou.

Emprego

Sánchez Bugallo salientou que no mes de decembro de 2021 a cifra de afiliados á Seguridade Social residentes en Santiago situouse en 38.273, o número máis alto dos últimos 11 anos. E os afiliados que teñen o seu centro de cotización en Santiago chegaron a 65.460, o máximo histórico. “Outro dato relevante a subliñar é que entre os afiliados residentes en Santiago hai 106 mulleres por cada 100 homes, cifra que contrasta cos datos de Galicia e de España”, engadiu. “Ademais, o número de parados rexistrados, 4819 en decembro, colócanos nos mellores datos dos últimos 11 anos, exceptuando os do ano 2008, que segue a ser a mellor anualidade”.

Igualdade

Sánchez Bugallo lembrou que no ano 2021 cumpríronse 30 anos da creación da concellaría de Igualdade. “Desde entón traballamos en prol da equidade, da visibilidade da muller en todos os sectores, en acción e plans contra a violencia machista, creando espazos para o empoderamento das mulleres. E por suposto, asesorándoas, acompañándoas e aistíndoas desde o CIM, do que quero destacor o gran labor que están facendo desde a súa creación. Debo destacar as acción programadas na Casa Xohana Torres, aberta desde o ano pasado como espazo de debate e reflexión, os programas específicos para reivindicar datas sinaladas, o 25N ou o 8 de marzo. En 2022 está previsto aprobar o novo Plan de Igualdade”, continou.

O rexedor tamén destacou que no 2021 “incorporamos axentes da policía lcoal ao sistema do programa VioGén (Sistema de Seguimento integral nos casos de violencia de xénero), traballando coordinadamente coa policía nacional e autonómica. No ano 2021 este servizo prestou apoio a 58 mulleres e realizou 769 actuacións”.

Turismo

O rexedor destacou a “notable” recuperación turística producida no segundo semestre do ano 2021. As pernoctacións, segundo os datos do INE, foron 918.000, das que o 80% corresponderon a turistas nacionais, unha cifra que marca un fito en visitantes españois, superando incluso a do Ano Santo 2010, e que compensa, en certa medida, a baixada de visitantes internacionais.

A recuperación deste turismo, do internacional, “está sendo máis lenta pero é sostida”, sinalou. Acadáronse as 50.000 pernoctacións no mes de outubro e con moi bos datos tamén en Nadal, en ambos casos superando as cifras de 2010. “Os excelentes datos desta Semana Santa, cun nivel de ocupación superior ao 90%, así como a recuperación do turismo de congresos, convídannos a contemplar con esperanzado optimismo as previsións para este 2022”.

Destacou tamén os datos do aeroporto Rosalía de Castro: “Eexperimentou unha das mellores recuperacións do panorama español e, por suposto, a mellor dos aeroportos galegos, acadando unha cota de mercado do 60%. De cara á nova tempada contemplamos un incremento do número de destinos, como por exemplo Edimburgo ou Múnic, que se suman aos xa incorporados no ano 2021”.

Cultura

O alcalde lembrou que a actividade cultural no ano 2021 “viuse de novo lastrada polas medidas de seguridade anticovid, que limitaron enormemente os aforos dos locais, polo que o principal reto foi manter a totalidade da programación cultural en condicións e con custos significativamente máis difíciles. Como cidade acolledora, recibimos múltiples compañías e proxectos escénicos aos que acompañamos no seu andar. Os espazos escénicos convertéronse en puntos de chegada e partida dun amplo abano de propostas que entran en diálogo entre si para configurar un programa diverso e dirixido a todo tipo de públicos.

No eido da música, destacou o Ciclo de Lied dentro do programa de abono do Auditorio de Galicia, completando o espectro de concertos da Real Filharmonía; “levaronse a cabo as xornadas de música contemporánea e reforzouse a Banda Municipal, que conta cun magnífico cadro de músicos e un excelente director”, subliñou.

Urbanismo e Cidade Histórica

Na área de Urbanismo e Cidade Histórica, o alcalde salientou cas catro liñas básicas de actuación: a implementación de actuacións en zonas cunha clara necesidade de modificación dos espazos públicos ou da accesibilidade, “que redunde nunha mellora significativa da calidade de vida da veciñanza”, na que destaca a aprobación definitiva dos estudos de detalle de San Ignacio de Loyola, Corredoira da Campsa, Grupo Diego Xelmírez. “Continúa a tramitación na rúa Oviedo e Ultreia, coa previsión de que se complete este ano. Todos eles son imprescindibles para concorrer aos programas de axudas ou simplemente para poder outorgar licenzas”, sinalou o rexedor.

A maiores, estase a tramitar a modificación e adaptación do planeamento en vigor para dar resposta ás novas necesidades da poboación, como por exemplo, a modificación do PXOM tanto para usos turísticos como para o uso residencial de baixos, que será sometido a aprobación provisional do Pleno nos próximos meses.

No referido á política de rehabilitación, xa se puxo en marcha o rexistro municipal de soares para aqueles edificios que presentan un estado de abandono na cidade histórica. Do informe de xestión da OCIHR o rexedor destacou que en 2021 se pagaron 57 axudas por importe de 280.963 euros. A maiores, tramitouse a cualificación provisional doutras 184 vivendas diante do IGVS que, en caso de resolución favorable, contarían con 862.902 euros. De momento o IGVS resolveu 8 destas solicitudes, e está previsto ampliar o número de solicitudes ata 237 vivendas. Está previsto que ao abeiro do Plan Estatal 2018-2021 se tramiten neste ano 2022 outras 186 solicitudes por un importe de 1.116.924 euros. Así mesmo, haberá unha nova convocatoria para os catro ARRUS por importe de 175.000 euros e convocatorias de repesca do Plan Estatal de Vivenda por importe de 1.234.761 euros que beneficiarían a 193 vivendas máis. En resumo, indicou, “temos actualmente en tramitación 246 solicitudes informadas e pendentes de aprobación polo IGVS e temos previsto tramitar outras 379 para o ano 2022”.

No referente a vivienda protexida, subliñou que o Concello de Santiago, por primeira vez nos últimos 11 anos, vén de licitar 5 parcelas para a construción de 108 vivendas protexidas, 4 xa adxudicadas e unha que deberá saír novamente a licitación. O rexedor destacou “a necesidade de desenvolver os solos industriais da zona norte, os mencionados SUNP 38 e 37.3, e de programar novo solo residencial, especialmente para vivendas protexidas, fai imprescindible a recuperación dun instrumento tan eficaz como foi a Sociedade pública EMUVISSA”.

Mobilidade e seguridade

No apartado de Mobilidade e Seguridade, Sánchez Bugallo salientou que en 2021 “completouse a peonalización da cidade histórica coa incorporación da Praza de Mazarelos e a súa contorna. Agora, o reto principal é a ordenación do transporte e distribución de mercadorías neste ámbito”. “Este é un proceso complexo con poucas experiencias en España”, engadiu, “polo que Santiago pode ser pioneira”. O obxectivo do goberno local, coa subvención obtida dos fondos Next Generation e os recursos achegados polo propio Concello, é poñer en marcha unha plataforma loxística de mercadorías de última milla, que requirirá dunha primeira fase de definición e concreción do proxecto, e unha segunda de habilitación de espazos, adquisición de medios e posta en marcha. “Ao longo deste proceso será preciso un gran esforzo de diálogo, coordinación e mesmo de transformación tecnolóxica nos propios establecementos. Tamén necesitará unha adaptación da normativa municipal para poder levala a cabo”, sinalou o rexedor.

No relativo á seguridade, destacou que, despois do preacordo acadado entre a Xunta de Galicia, a deputación provincial, o Concello de Santiago e os concellos da comarca sobre o parque comarcal de Bombeiros, está pendente neste momento a conformidade de Xunta e Deputación á proposta de convenio formulada desde o Concello de Santiago. “Todo indica que nas vindeiras semanas podería materializarse este acordo”, indicou.

Sánchez Bugallo destacou tamén, que en 2021 se puxo en marcha e se recuperaron os primeiros equipos de Policía de Barrio, constituída por 56 policías, 11 oficiais, 3 inspectores e 1 inspector principal, organizados en 4 distritos, un deles por primeira vez no ámbito rural.

Obras

No apartado de obras, no ámbito urbano, o alcalde destacou “as 16 actuacións en execución cun investimento de 8.073.770 euros”, as 21 actuacións rematadas por un importe de 4.676.345 euros; e as 6 actuacións en licitación por 973.171 euros. O investimento total nestas obras foi de 13.723.286 euros-

En canto ao ámbito rural, o alcalde recordou que o compromiso co Pacto polo Rural “se mantén vivo”. Destacou que en 2021, rematáronse 9 obras por un importe total de 1.595.610 euros. Actualmente están en execución 4 obras por un importe de 1.278.277 euros e atópanse en proceso de licitación 12 obras por un importe de 1.953.675 euros que benefician a todas as parroquias do rural. En total 4.827.564 euros de investimento.

No apartado de deportes, o rexedor destacou a remodelación do campo municipal das Cancelas de herba artificial cun investimento de 450.000 euros e a mellora do campo municipal de San Lázaro (SERGAS) cun importe de 490.000 euros.

Previsións para o futuro

As previsións para o futuro estarán condicionadas, segundo sinalou o alcalde, pola “evolución da situación económica e, especificamente, polas consecuencias derivadas do conflito aberto no leste de Europa. Evidentemente, esta situación vai afectarnos de forma significativa, pero de ningún xeito quere dicir que debamos renunciar aos obxectivos específicos e aos proxectos de cidade”, afirmou o alcalde.

Entre os asuntos “prioritarios”, para o futuro de Santiago, Sánchez Bugallo enumerou a Axenda 2030 e o Plan 2021-2032 subscrito polas tres administracións no seo do Real Padroado de Santiago; o proxecto Peleteiro; os grandes contratos pendentes e a política de vivenda e rehabilitación.

En relación á Axenda 2030, “estase a traballar dun xeito aberto e participativo a partir do Consello Económico e Social, buscando os mellores respaldos técnicos para que sexa un proxecto sólido, de calidade e compartido”, indicou o rexedor. “Actualmente atópase en fase de licitación a redacción do Plan de acción da Axenda 2030, que se nutrirá dunha parte técnica complementada e enriquecida coas achegas dos axentes sociais e políticos”.

En canto ao proxecto Compostela 2021-2032, asinado e compartido cos gobernos de Galicia e de España, “constitúe una folla de ruta que deberemos seguir e construír conxuntamente ao longo dos vindeiros anos”.

Sobre o proxecto Peleteiro, “é imprescindible darlle unha solución definitiva convertendo o que hoxe é unha área sen uso nun espazo de convivencia, de conexión entre o Ensanche sur e o norte. A competencia e, polo tanto, a responsabilidade da decisión recae sobre o Pleno da Corporación”, indicou. Recordou que “actualmente está sobre a mesa unha proposta que conta con todos os informes técnicos preceptivos favorables, sen prexuízo de que poida ser mellorada. Penso que sería un notable fracaso, non só do goberno senón da Corporación e da cidade, se non somos quen de resolver esta cuestión”

Sobre os grandes contratos, explicou que en 2021 “adxudicáronse e estanse a poñer en marcha tres dos cinco maiores contratos deste Concello: o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, o servizo de conservación e limpeza dos parques públicos e o servizo de asistencia a domicilio. Estes tres contratos suman case 18 millóns de euros anuais, o que supón unha parte importante do orzamento municipal. Faltan dous dos cinco que son o transporte e a auga”.

O alcalde, tamén se referiu a fenda dixital. De xeito complementario á implantación da administración electrónica, “vimos mantendo diversos servizos de atención presencial, como por exemplo, a propia oficina de rexistro. Aquí instalouse un equipo informático optimizado para o acceso á sede electrónica municipal, para o uso libre pola veciñanza. Suprimíuse a cita previa por atención presencial, incrementándose o número de persoas atendidas e a curto prazo está prevista a dotación dun novo posto de atención presencial nesta oficina”. Engadiu, ademais, que “coa fin de seguir apoiando e axudando as persoas que así o requiran, ademais de manter este servizo e incluso amplialo, o goberno ten previsto licitar e adxudicar a posta en marcha dun centro de atención ao usuario, dotado con máis recursos, horario presencial de mañá e tarde, soporte a incidencias en modalidade 24×7, acceso mobilidade, etc”

O rexedor tamén se referiu, como outros dos retos, a transformación de moitos espazos urbanos: “a pesares do camiño andado quedan espazos nos que esta transformación aínda non se producíu ou se fixo de forma insuficiente. Ao noso entender os dous espazos máis relevantes nesta situación son a entrada do Castiñeiriño, desde a rotonda ata a rúa Amor Ruibal, e, por suposto, o eixo central da cidade desde a rúa Basquiños ata Rosalía de Castro, sendo especialmente prioritaria a transformación e adecuación do tramo comprendido entre Porta do Camiño e a Praza de Galicia”. E ao establecemento dunha zona de baixas emisións obrigatoria para o ano 2023. “A efectos da súa delimitación e requisitos estamos pendentes da publicación do Decreto Lei que prepara o Ministerio de Transición Ecolóxica”, engadiu. “Compre dicir que este Concello vai intentar aproveitar todas as oportunidades derivadas dos fondos Next Generation para impulsar proxectos, particularmente os contidos no programa 2021-2032 e en xeral todos os que se refiran á recuperación urbana e medioambiental de Santiago”, indicou.

Sánchez Bugallo tamén indicou que “nas próximas semanas teremos a oportunidade de decidir o destino do remanente de tesourería. Por suposto non son reais nin están dispoñibles as cantidades das que se fala. Os cambios da contabilidade e o peche do exercicio dan unha imaxe irreal, pero unha vez depurada poderemos dispor dunha cifra na contorna dos 8 millóns de euros que nos permitirían, si o pleno así o acorda destinar 3 millóns á posta en marcha dun novo plan de reactivación económica que incluiría bonos corazón, bono párking e axudas á dinamización do comercio entre outras propostas. Tamén permitiría reforzar os apoios á posta en marcha de iniciativas de economía social e economía circular. Igualmente, dentro do capítulo de novos investimentos a parte de actuacións que non foi posible incorporar no 2022, poderiamos abordar unha actuación moi necesaria na Praza de Abastos ou o futuro da Casa da Xuventude”, indicou.