Sunday 24 de November de 2024

O Concello duplica o número de bolsas económicas para deportistas de distintos niveis


Esta convocatoria, que busca apoiar ao deporte coruñés de alto rendemento, conta cun orzamento de 120.000 euros

O Concello da Coruña, a través da súa concellaría de Deportes, ven de anunciar a resolución das bolsas a deportistas de alto rendemento para este 2022. Un total de 80 persoas percibirán cantidades que van desde os 3.500 euros ata os 500 euros. Este dato supón duplicar o número de axudas individuais outorgadas o ano pasado.

As bolsas individuais a deportistas do Concello da Coruña teñen como obxectivo que atletas de diferentes disciplinas e niveis poidan participar nas competicións internacionais, nacionais ou autonómicas. Este ano hai un total de dez persoas que recibirán a axuda máxima, destinada ás competicións máis esixentes. Trátase de Jacobo Garrido (natación adaptada), David Arcay (pesca deportiva), Irene Blanco (halterofilia), Irene Martínez (halterofilia), Alberto Gaitero (judo), Víctor Castro (halterofilia), María de Valdés (natación), Alberto Seoane (tenis de mesa), Ángel García (mountain-bike) e Germán Ferreiro (esgrima).

Cada un recibirá 3.500 euros para sufragar a súa participación en diferentes competicións internacionais.

As seguintes achegas son de 2.500 euros, destinadas ás competicións europeas. Os últimos dous tramos de axudas son de 1.500 para probas nacionais e de 500 para autonómicas. Neste ano post-olímpico decidiuse suprimir as bolsas olímpicas, que serán recuperadas en 2023 con vistas aos Xogos de París, coa intención de reforzar o número total de bolsas. “Estamos moi satisfeitos porque de 91 solicitudes, aceptáronse 80. As que quedaron fóra non entraron por defectos formais. Das 80, 38 son para mulleres, un dato que queremos destacar e que supón un espaldarazo para o deporte practicado por mulleres desta cidade”, sinalou Mónica Martínez, concelleira de Deportes.

Esta convocatoria, que conta cun orzamento de 120.000 euros, supón unha importante axuda para que os deportistas de distintas disciplinas e niveis conten con recursos suficientes para participar e competir durante a temporada. Trátase do terceiro ano que se reparten estas bolsas.