Thursday 21 de November de 2024

O Concurso de Música Tradicional de Xiradela alcanza a súa 22ª edición este domingo repartindo 2.400 € en premios


· Celébrase o 24 de abril, desde as 10:30 horas pola mañá e a partir das 16:30 horas pola tarde, no Centro Cívico de Arteixo.

· Hai inscritas 46 formacións que superan as 300 persoas participantes chegadas das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra

· En anos previos unhas 1.000 persoas seguiron a cita como público ao longo de toda a xornada.

Vinte e dúas edicións suma o Concurso de Música Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela. Este domingo, 24 de abril, a partir das 10:30 pola mañá e das 16:30 horas pola tarde, o Centro Cívico de Arteixo será escenario novamente desta cita que repartirá 2.400 € en premios. A entrada é gratuíta e aberta a todo o público ata completar aforo. O Concello de Arteixo colabora con este concurso.

Espérase que, como en anos previos, máis de 1.000 persoas, entre público e cantadores, acudan a Arteixo da man deste certame de Grupos de Pandeiretas. Hai 46 formacións rexistradas que chegan das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Entre todas elas reúnen a 307 participantes que concursarán nesta cita.

Hai unha única modalidade: grupos de pandereteiras, pero ata catro categorías que dividen aos participantes por idades deste xeito:

A. Ata os 10 anos (8 grupos participantes)

B. De 11-13 anos (14 grupos participantes)

C. De 14-17 anos (8 grupos participantes)

D. De 18 anos en diante (16 grupos participantes)

Trátase dun concurso que naceu no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que os mozos puidesen ter máis actuacións e relacionarse entre si, facilitando deste xeito o coñecemento da nosa cultura.

Terminada a actuación de todos os grupos participantes será a quenda do xurado que determinará que grupos son os que resultan gañadores. En total repartiranse 16 premios, catro por categoría. Valoraranse cuestións como:

A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
A súa dificultade.
A afinación e a interpretación.

Mentres deliberan os membros do xurado, grupos da escola de música tradicional da A.X. Xiradela farán una exhibición.

MÁIS PREMIOS

O punto e final da xornada dominical será a entrega de premios deste 22 Concurso de Música Tradicional da A.X. Xiradela. Eses premios serán os seguintes:

CATEGORÍAS A, B, C e D

1º premio: 300 €

2º premio: 200 €

3º premio: 100 €

Premio ao mellor vestiario en cada categoría: trofeo.

Na primeira edición na que los conxuntos que son terceiros clasificados reciben un premio económico

QUEN SOMOS

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no municipio de Arteixo (A Coruña), nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo libre, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por unha banda difundir o noso traballo, e por outro, axudar a promover a socialización dos mozos con xente doutras asociacións.

Comezamos impartindo baile tradicional, e logo ampliamos a oferta ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cancións, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos antepasados, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posible á máis pura tradición galega.

Ademais do concurso de música, desde o ano 1987 celebramos o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailaríns da peza máis emblemática do noso folclore.