· O Concello de Camariñas e a Deputación da Coruña levan a cabo este programa, que na súa segunda edición tamén recibe o apoio do programa ‘Xogade’ da Xunta.
· Ademais, incorporarase ao proxecto Explora 10 para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte.
Este martes día 26 de abril dará comezo, na súa segunda edición, as clases prácticas do programa ‘Aprende a través do Surfing’, no que participarán 100 estudantes de segundo, terceiro e cuarto curso do CEIP O AREAL e do CEIP de Ponte do Porto, cun total de 56 do Areal e 44 da Ponte do Porto.
Os días de actividade serán martes, mércores e xoves nesta primeira semana (CEIP O Areal) e luns, martes e mércores da seguinte (CEIP da Ponte do Porto).
Aprende a través do Surfing, naceu co obxectivo prioritario de seguir acercando o mar e os diferentes modelos de surf aos estudantes de terceiro e cuarto de primaria do colexio de Camariñas e do CEIP da Ponte do Porto. Durante este percorrido os obxectivos foron medrando e neste intre é fundamental o coidado e a concienciación sobre como se debe tratar o Mar.
Como novidades, neste curso 21/22 ao Concello de Camariñas e á Deputación da Coruña súmase o programa Xogade da Xunta de Galicia e incorpórase ‘Aprende a través do Surfing’ ao proxecto Explora 10, impulsado polo Concello de Camariñas, e que a Consellería de Medio Rural ten a ben sufragar nunha parte, para potenciar o turismo deportivo na Costa da Morte. A súa misión é a de estruturar, organizar e potenciar este tipo de actividades a través de accións conxuntas entre os municipios participantes: Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.
O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, quixo “agradecer aos centros educativos a súa predisposición a participar neste proxecto transversal que con tanto cariño desenvolvemos”.