Friday 22 de November de 2024

O Concello leva referentes do deporte feminino aos centros educativos da cidade para fomentar a práctica deportiva e a igualdade


Nahir López, campioa de España sub-17 en esgrima, e a velocista Paula Iglesias pasaron esta semana polas aulas na primeira edición de ‘Máis rápidas, máis altas, máis fortes’

O CEIP Cidade Vella acolleu hoxe a presentación do novo programa municipal ‘Máis rápidas, máis altas, máis fortes’, unha actividade que, ata o vindeiro día 17 de xuño, achegará ao alumnado dos centros educativos da Coruña as diferentes disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade.

Esta iniciativa, impulsada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, diríxese ao alumnado de quinto e sexto ano de Primaria, así como de primeiro e segundo ano de Secundaria, a través de coloquios teórico-prácticos impartidos por referentes femininos no eido do deporte, axudando a que as rapazas e rapaces tomen conciencia da importancia dos hábitos saudables e tamén da oferta deportiva existente na Coruña.

“O programa é unha aposta máis deste Goberno pola visibilización do deporte practicado por mulleres en todas as súas vertentes: deportistas, adestradoras, directivas, xuízas. Significa moito para nós porque naceu do debate e do traballo que se está a realizar no seo do Consello Municipal do Deporte. A implicación das entidades fai posible que proxectos como este cobren vida”, destacou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez. Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, valorou o programa ‘Máis rápidas, máis altas, máis fortes’ como “unha oportunidade, unha semente de futuro para as novas xeracións, que terán ante si a modelos de referencia para a toma de contacto con múltiples disciplinas deportivas e tamén como unha forma de inspiración para a súa vida diaria”.

O programa comezou o pasado martes no CEIP María Pita, coa presenza de Margot Garnelo e Paula Iglesias, do Club Riazor Atletismo. Xa o mércores, unha figura destacada como a da coruñesa Nahir López, que o ano pasado erixiuse como campioa de España sub-17 de esgrima na modalidade de espada, interaccionou co alumnado do CPR Franciscanos xunto ao seu técnico, Manel Villadóniga. E hoxe, venres, Ana Yakimenko, pertencente ao club Ximnasia Coruña, estivo no CEIP Cidade Vella acompañada por Lucía López, adestradora; Alba Sande, xuíza nacional; e Lola Guerreiro, ximnasta.

A colaboración coas entidades deportivas da cidade
As actividades previstas nesta primeira edición contan coa colaboración de 37 entidades deportivas da cidade, representativas en disciplinas como montañismo, marcha nórdica, boxeo, ximnasia rítmica, judo, golf, petanca, fútbol, halterofilia, tenis, voleibol, rugby, atletismo, skate, esgrima, tiro con arco, patinaxe en liña, ultimate, waterpolo, natación, balonmán, baloncesto e tríatlon.

‘Máis rápidas, máis altas, máis fortes’: unha continuidade ao éxito do ciclo ‘Coruña Olímpica’Este novo programa nace baseándose no debate xerado entre as entidades que forman parte da comisión de traballo ‘Deporte e Muller’, integrada no Consello Municipal do Deporte que puxo en marcha o Goberno de Inés Rey en abril do ano pasado.

Ademais, ‘Máis rápidas, máis altas, máis fortes’ enmárcase nunha liña de colaboración conxunta entre as concellarías de Deportes e Educación baseándose no éxito acadado o ano pasado por ‘Coruña Olímpica’, un ciclo ideado para dar a coñecer ante o colectivo de estudantes dos centros educativos da cidade a experiencia deportiva e, sobre todo, persoal, de deportistas coruñeses como Sofía Toro, Victorino González, Roberto Naveira, Indalecio Iglesias, Andrés Díaz, Pucho Boedo e Paula Medín, antes, durante e despois dun evento da magnitude duns Xogos Olímpicos.