Friday 22 de November de 2024

O BNG recollerá sinaturas o sábado en Ribeira para mellorar o transporte público na Barbanza


Pérez Barral: “non imos parar ata que se resolvan os problemas que hai neste servizo esencial”

O BNG da Barbanza non está disposto a deixar que o goberno galego mire para outro lado ante os problemas que rexistra o transporte público na comarca da Barbanza. Os nacionalistas argumentan que continuarán rexistrando iniciativas e traballando para atallar unha reiterada demanda social como é a de resolver os problemas que rexistra o transporte público na comarca. Segundo informan, o malestar social por mor dos problemas do transporte público son palpábeis e malia que se aprobaron iniciativas do BNG para tratar de resolver devanditos problemas, os responsábeis da Xunta seguen mirando para outro lado.

O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral, explicou que o transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio, poidan acudir ao traballo ou ao médico e por iso debe funcionar correctamente. Pérez Barral asegurou que van tomar cartas no asunto porque non están dispostos a que as persoas usuarias sigan padecendo atrasos, buses masificados aos que non poden subir, autobuses que non pasan ou unha falta de información xeneralizada, entre outros problemas.

Pérez cre que “estamos ante un PP e unha conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que seguen coa súa política de mirar para outro lado mentres a poboación e o propio persoal das compañía se queixan do mal servizo que se está a prestar”.

Atrasos e falta de accesibilidade

Pérez Barral, explicou que tanto as persoas usuarias como o propio persoal da empresa de transporte lle teñen trasladado ao BNG que os autobuses se atrasan ou mesmo non chegan a pasar nos horarios indicados por Monbus porque o tempo estipulado para facer o servizo é totalmente insuficiente. Dous exemplos ilustrativos son o traxecto Ribeira-Noia que, segundo o horario establecido por Monbús, faise en 45 minutos, algo imposíbel para un autobús ou o traxecto Aguiño-A Pobra do Caramiñal que sofre considerábeis atrasos nas horas punta, dado o maior volume de vehículos que hai na estrada.

As persoas usuarias do transporte público transmitíronlle queixas ao BNG sobre a falta de información xeneralizada sobre as rutas e paradas, as marquesiñas carecen de horarios e a caseta de información da compañía nunca ten persoal de atención ao público. Segundo Pérez Barral, outro dos problemas importantes é a retirada de todos os autocares urbanos que prestaban servizo porque os actuais, máis altos e con máis escaleiras, está provocando serios inconvenientes a persoas maiores, persoas que presentan algún grao de discapacidade física ou mesmo a calquera persoa cun carro de crianza ou de compra.

Os problemas esténdese a toda a comarca

Pérez Barral, explicou que hai un importante número de persoas que traballan en Santiago e viven na comarca da Barbanza e que rematan a súa xornada laboral ás 15:00 horas. Neste caso, vense obrigadas a tomar un autobús urbano ata a estación intermodal onde o autobús que vai para Ribeira sae ás 15,20 horas. “É practicamente imposíbel collelo e, polo tanto, é obrigado ter que agardar polo seguinte” agregou Pérez. Ademais, os sábados non existen autobuses directos Ribeira-Santiago, cando si os había coa anterior concesionaria. A viaxe indirecta dura case dúas horas, de maneira que o autobús que sae de Ribeira ás 8:00 da mañá chega a Santiago ás 10:00 horas, con retraso para calquera traballo que comece ás 9:00 horas.

Mención especial merece a Tarxeta Xente Nova posta en marcha Xunta de Galiza para, supostamente, poder viaxar gratis. O BNG lamenta que no canto de ofrecerlle á xente moza e ás persoas maiores as viaxes de maneira gratuíta, haxa que realizar o pagamento por adiantado e voltar ao mes seguinte a un caixeiro para recuperar os cartos das viaxes realizadas. “Este sistema dificulta a recuperación dos cartos e por riba fomenta a colaboración cunha entidade bancaria que cada vez conta con menos persoal e con menos oficinas de atención ao público” incidiu.

O BNG tampouco esquece a situación laboral do cadro de traballadores e traballadoras da empresa concesionaria Monbus que padecen unha sobrecarga de traballo e incluso fan máis horas das que lle corresponden.

Recollida de sinaturas

Por todos estes motivos o BNG vai recoller sinaturas en Ribeira na rúa peonil entre as 11:30 e as 13:00 horas para esixir que os responsábeis políticos da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade resolvan os problemas de maneira inmediata, melloren a accesibilidade dos autocares, garantan a atención presencial ao público así como que se dea cumprimento dos horarios para evitar prexuízos ás persoas usuarias.