Monday 25 de November de 2024

100 anos da bandeira de Galicia na galería do Concello de San Sadurniño


A bandeira de Galicia ondeou por primeira vez o 25 de xullo de 1921 izada no Pazo municipal da Coruña. Aproveitando o centenario, o Concello da Coruña, a Deputación e o colectivo A Coruña Gráfica recordaron aquela efeméride cun proxecto que inclúe a publicación dun libro de banda deseñada e unha mostra de cadros que reinterpretan este símbolo identitario, nacido tal e como hoxe o coñecemos entre Cuba e Galicia. A exposición poderá visitarse na Galería da Casa do Concello até o próximo 11 de maio nos horarios de apertura das oficinas municipais: de luns a venres entre as 8:30 a e as 14:30h.

O Concello da Coruña, presididio en 1921 por Antonio Lens Vieira, foi o único que se sumou a unha iniciativa promovida pola III Asemblea Nacionalista Galega para que se pendurase nas fachadas consistoriais das principais cidades a bandeira do país.

Un pano branco cruzado por unha banda azul que ao parecer ten a súa orixe na bandeira da Comandancia marítima da Coruña (dúas bandas azuis cuzadas sobre fondo branco), que era a última enseña que vían os galegos que marchaban a Cuba desde o porto coruñés e que despois, cando asentaban no país caribeño, era utilizada como símbolo de afirmación identitaria.

A bandeira naceu no período entre a guerra de independencia cubana e as campañas do Rif, en Marrocos. Tempo de cambios -o izado en María Pita cadrou na semana do Desastre de Annual- nos que a bandeira “foi un punto de luz e esperanza nunha época de crise, de conflitos bélicos e de axitación política”, tal e como se menciona no libro de banda deseñada “1921-2021, 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña”.

A publicación, dirixida polo debuxante Manel Cráneo, cóntanos as orixes da bandeira e as persoas que conseguiron facer dela o que hoxe significa, principalmente o político e membro das Irmandades Lois Peña Novo e o rexedor coruñés Antonio Lens Vieira. O libro -que pode recollerse de balde na entrada do Concello- tamén conta con dous apartados de debuxos feitos por varias autoras e autores que sitúan a bandeira en distintos contextos e que lle renden tributo reinterpretándoa de maneira experimental.

Eses deseños son os que se poden ver na galería municipal enmarcados e co seu tamaño orixinal. Son obras de Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

A exposición permanecerá na Casa do Concello até o próximo 11 de maio, momento no que lle cederá o espazo ao “Inventario” de fotografías e prendas da deseñadora Melania Freire.