· Os concellos de Camariñas, Rianxo, A Pobra, Cambados, Bueu, A Illa de Arousa, Cariño, Fisterra, Moaña e Boiro entenden que ”un convenio imposto, non negociado, innecesario e ilegal desde o punto de vista competencial”.
· “Queremos que a pesca recreativa continúe como antes de que Portos crease este problema”, explican.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, participou hoxe en Rianxo nunha reunión cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Rianxo, A Pobra, Cambados, Bueu, A Illa de Arousa, Cariño, Fisterra, Moaña e Boiro na que manifestaron o seu rexeitamento ao convenio imposto por Portos de Galicia para o auxilio e control da práctica da pesca deportiva e de lecer nas instalacións portuarias.
No texto do convenio sinálase como obriga para os Concellos que asuman a vixilancia, medidas preventivas, control, aplicación e cumprimento polos pescadores da normativa de pesca nos peiraos actualizada por Portos de Galicia no ano 2021. Ademais, tamén se lle insta ás entidades locais a que fagan rondas de vixilancia, sinalicen as zonas e identifiquen as persoas que acceden para a práctica da pesca.
Ao remate da reunión os representantes dos concellos alí presentes, xunto con Sada e Ribadeo, anunciaron que “mantemos o noso apoio ao colectivo da pesca recreativa” e amosaron “o noso rexeitamento a este convenio ofrecido, entendemos que é un convenio imposto, non negociado, e innecesario, ao non precisar dos concellos para resolver un problema que Portos de Galicia creou”.
Ademais, entenden que “o convenio é ilegal desde o punto de vista competencial” xa que “non temos capacidade de cumprir as obrigas que nel nos impoñen nin tampouco temos por que adquirir responsabilidades de tipo patrimonial e mesmo penal que non nos corresponden aos concellos”
No comunicado conxunto destacan que “o problema actual creouno Portos de Galicia coa resolución presidencial do 26 de xullo de 2021 e debe ser este ente quen o resolva a través do diálogo co sector”. “Imos trasladar esta situación á executiva da Fegamp para que tome coñecemento desta situación e traslade o noso posicionamento ao resto dos concellos afectados”, explicaron.
“Pretendemos que se volva a status quo antes desta situación e a pesca recreativa continúe como estaba facendo ata o de agora, pescando con tranquilidade nos nosos portos”, afirman. “Hai un intento de trasladar o problema aos concellos, por iso o rexeitamos, porque pode derivar en consecuencias gravísimas de todo tipo, económicas e penais, e ademais non temos a posibilidade nin os recursos para establecer unha policía portuaria”.