Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades presenta alegacións ao parque eólico Brancellao por non ser compatible nin co planeamento nin co medio socioeconómico e produtivo do municipio


O emprazamento de todo o parque eólico incumpre a normativa autonómica e o aeroxerador 25, que afecta a Frades, está a menos de 500 metros do Castro de Aboi, da rede Natura e do núcleo de Aboi

O Concello de Frades vén de presentar alegacións áo proxecto do parque eólico Brancellao, de 140 MW, accesos a infraestruturas eléctricas de evacuación nos concellos de Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral, dentro do prazo de información pública aberto pola Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que o estudo realizado polo Concello determina que “a actuación pretendida no parque eólico Brancellao non resulta compatible nin co planeamento, nin co medio socioeconómico e produtivo do Concello de Frades”.

Para comezar, o emprazamento de todo o parque eólico Brancellao incumpre as disposicións da Lei 8/2009 de Planificación do aproveitamento eólico de Galicia, cuxo artigo 6.4 establece que non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia. “Neste caso, a totalidade dos aeroxeradores se atopan fóra das delimitacións máis próximas das áreas de desenvolvemento eólico e algún deles afecta a terreos incluídos na Rede Natura”, sinala Rey Martínez, “pero é o aeroxerador 25, que é o que afecta á nosa parroquia de Vitre, está dentro da área de influencia de 500 metros do núcleo rural de Aboi, o que non resulta compatible co disposto no plan sectorial vixente. Ademais, tamén afecta á área de protección integral do castro de Aboi e está na área de influencia da Igrexa Parroquial de Vitre”.

A maiores, os terreos nos que se asenta o aeroxerador que afecta ao termo municipal de Frades foron obxecto de concentración parcelaria polo que “a actuación resulta incompatible cos obxectivos que motivaron a parcelaria e suporá unha diminución da capacidade produtiva destes terreos, o que repercutiría negativamente sobre o medio socioeconómico das parroquias de Céltigos e Vitre”, conclúe o alcalde de Frades.

Enerxías renovables

Coa presentación desta alegación, o Concello de Frades mantén a súa oposición á instalación de parques eólicos no municipio, formalizada en 2019 canda o resto de alcaldes da Mancomunidade de Ordes e reiterada o pasado mes de marzo asinando un escrito de rexeitamento á instalación dos parques eólicos de Caíño e Brancellao canda os alcaldes de Abegondo, Aranga, Boimorto, Curtis, Oza-Cesuras, Mesía, Sobrado e Vilasantar. Frades non é contrario á necesaria implantación de enerxías renovables, sempre que sexa dun xeito ordenado e programado, en terreos idóneos para iso e onde gocen dunha ampla aceptación veciñal.

A alegación do Concello de Frades súmase ao informe desfavorable emitido polo Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética da Xunta de Galicia en marzo deste ano. De feito, ambos documentos coinciden en sinalar que “o proxecto do parque eólico Brancellao de 140 MW promovido por Enel Green Power España SL posto que, excepto a posición 14, o resto das mesmas e parte da poligonal incumpren as disposicións establecidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia e a Lei 8/2009 do 22 de decembro pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Ademais, a poligonal do parque invade a Rede Natura 2000”.