Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza un novo percorrido guiado e musicalizado polos xardíns de Méndez Núñez para contribuír á difusión do seu valor histórico


A ruta, posta en marcha pola Concellaría de Medio Ambiente e Sustentabilidade, comezará este sábado 23, co gallo do Día do Libro, e co guía Suso Martínez e o músico Félix Arias á fronte

A concelleira Esther Fontán: “O Goberno de Inés Rey segue a traballar na posta en valor de enclaves históricos da Coruña, ofrecendo outra perspectiva que achegue a cidadanía á nosa riqueza natural e patrimonial”

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, impulsa desde esta fin de semana ‘O Xardín Musical’ un novo percorrido guiado polos Xardíns de Méndez Núñez, un espazo emblemático da cidade no que, unha vez ao mes, grupos de ata 30 persoas poderán coñecer as orixes dos xardíns, con máis de 150 anos de historia, e tamén os segredos que agocha.

A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, valorou esta nova ruta cultural no corazón da Coruña. “Os Xardíns de Méndez Núñez son fundamentais para entender o desenvolvemento urbanístico da cidade desde mediados do século XIX. Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey segue a traballar na recuperación e posta en valor de enclaves históricos da Coruña, ofrecendo outra perspectiva que achegue a cidadanía toda a nosa riqueza natural e patrimonial, que é moita”, sinalou Fontán.

Os percorridos de ‘O Xardín Musical’, que estarán dirixidos polo historiador e guía turístico Suso Martínez, acompañado polo músico coruñés Félix Arias, comezarán este sábado 23 (17.00 horas) co gallo do Día do Libro. “Os Xardíns de Méndez Núñez contan cun gran patrimonio estatuario e, ademais, son un lugar de letras. Aquí contamos co monumento ao libro máis antigo do mundo, que data do ano 1976, e aproveitaremos o Día do Libro para renderlle homenaxe a esta obra de Manolo Buciños”, apunta Suso Martínez.

Esta nova ruta, sinala, “terá un carácter alegre, que conectará co ambiente da cidade a comezos do século XX”. “Será unha visita dinámica, no que o fío condutor serán a música e as melodías. O punto de partida do percorrido será o monumento a Curros Enríquez, pasaremos polo Quiosco Alfonso e tamén ante os monumentos a figuras como Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez, Concepción Arenal, Castelao, Manuel Murguía, Juan Fernández Latorre e Eduardo Pondal, entre outros. Tamén ante o reloxo floral e a emblemática Rosaleda, onde concluirá a ruta”, detalla Martínez. Será, agrega, “un paseo
máxico, en homenaxe á nosa identidade cascarilleira”.

Un total de 30 prazas dispoñibles por visita
Neste sentido, os percorridos de ‘O Xardín Musical’ terán unha duración de 90 minutos. A actividade estará limitada a un máximo de 30 persoas por grupo, que deberán inscribirse, achegando os seus datos persoais, a través da plataforma de ticketing habilitada polo Concello da Coruña.

A programación dos percorridos musicalizados polos Xardíns de Méndez Núñez, que se estenderá ata o mes de setembro, é a seguinte:
● 23 de abril.
● 14 de maio.
● 2 de xullo.
● 13 de agosto.
● 10 de setembro.