Friday 22 de November de 2024

O Fórum Metropolitano recorda a figura da pedagoga María Barbeito coa función teatral ‘As alumnas’, da compañía Culturactiva


A obra aborda a importancia da educación e a pegada do franquismo no sistema educativo, especialmente no caso das mulleres

O Fórum Metropolitano acolle o vindeiro venres 22 ás 20.30 horas unha nova cita do ciclo de artes escénicas “Sen Numerar”, desta vez da man da compañía Culturactiva. “As alumnas” é a quinta das citas do ciclo “Sen Numerar” organizado polo IMCE, que rematará o vindeiro mes de maio tras outras dúas entregas máis.

O espectáculo “As alumnas” é un texto da escritora Paula Carballeira sobre a pegada do franquismo no sistema educativo do Estado español, especialmente no caso das mulleres.

A través da figura de María Barbeito, mestra galega de grande influencia no mundo da pedagoxía, a obra reflexiona sobre a importancia da educación no desenvolvemento persoal das mulleres e a súa situación antes e despois da Guerra Civil. Elvira e Rosa (interpretadas por Anabell Gago e Mónica Camaño), atópanse no 1970 pola morte da súa mestra. As antigas alumnas botan unha ollada ao seu pasado, compartindo lembranzas vividas na escola durante a Guerra Civil e descubrindo a pegada que esta lles deixou.

O prezo das entradas para o espectáculo será de 9 euros como tarifa xeral e 7 euros en tarifa reducida, para persoas desempregadas, con carné xove ou maiores de 65 anos. As vendas faranse a través da web www.ataquilla.es ou no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres de 11.00 a 15.00 h e de 16.30 a 19.30 h (agás festivos), así como unha hora antes de cada espectáculo no despacho de billetes de cada recinto (se fican entradas dispoñibles). Para máis información pódese visitar a web https://www.coruna.gal/cultura.

Función previa para o alumnado de secundaria
Culturactiva ofrecerá na mañá do venres, ás 11.30 h, un pase especial para os alumnos e alumnas de secundaria, de xeito que serán os primeiros coruñeses e coruñesas en gozar da obra. A pesar de ser unha obra dirixida ao público adulto, “As alumnas” ten como compoñente fundamental a educación e a súa importancia como elemento clave no desenvolvemento vital das persoas.

Deste xeito, achégaselle ao alumnado a oportunidade de coñecer o mundo da educación dende unha perspectiva diferente e pedagóxica, facendo un exercicio de memoria colectiva e aplicando os principios pedagóxicos da propia María Barbeito.

Próximos espectáculos do Ciclo “Sen Numerar” no Fórum Metropolitano
“As alumnas” supón o ecuador do ciclo “Sen numerar” na súa edición de primavera, que xa acolleu no Fórum Metropolitano outros tres espectáculos: “El libro de Buen Amor” de Teatro Guirigay (4 de febreiro), “As Fillas Bravas e o mito de Casandra” de Chévere (11 de marzo), a estrea de “A familia real” de Aporía e Olivas Negras (18 de marzo) ou “Lázaro” de Leamok (7 de abril).

Nos vindeiros meses, o recinto continuará abrindo as súas portas para outros encontros teatrais do Ciclo “Sen Numerar”, sumando citas ao conxunto de eventos culturais do Concello da Coruña. Estes son:
● 13/05/2022. “A parábola de angazo”, de Talía Teatro.
● 10/06/2022. “Do pracer e da morte”, de A Feroz.