Saturday 16 de November de 2024

45 postos participarán este domingo na XXV Feira da Plantación de San Sadurniño


O evento terá lugar no paseo fluvial do Xuvia a partir das 10 da mañá

Este venres tamén comeza o ciclo de charlas “Apostando polo sector primario”

Unha vez pechado o prazo de inscrición, o Concello de San Sadurniño acaba de publicar o listado de expositores participantes na 25ª edición da Feira da Plantación, que volve celebrarse este domingo tras dous anos de parón forzado pola situación de pandemia. Son un total de 45 postos entre viveiros e floristas, puntos de venda agroalimentaria, artesanía e maquinaria, ademais doutros que non se encadran en ningún deses apartados pero que si teñen vinculación co medio rural. Na relación publicada hoxe indícase tanto o lugar que deberán ocupar como a hora de entrada no recinto, situado este ano -por primeira vez na historia da feira- ao pé do paseo fluvial do Xuvia.

Máis en detalle, a Feira da Plantación contará desde primeira hora da mañá cunha ducia de expositores de flor e planta, outros 15 que venderán produtos da terra frescos e elaborados, 14 que levarán até a finca da Cortiña artigos de artesanía, 1 con maquinaria e 3 máis correspondentes a entidades, entre eles o que ofrecerá información sobre o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla que neste intre ten aberto o prazo de inscrición no seu primeiro curso de capacitación técnica para poder utilizar as instalacións.

Todos os postos teñen asignado xa o seu sitio coa numeración do espazo que deberán ocupar segundo os metros liñais solicitados. Tamén se lles indicou hora de entrada e montaxe entre as 8:15 e as 9:30h, co obxectivo de que a feira poida arrancar ás 10:00h sen que haxa movemento de coches e vehículos de transporte polos sendeiros destinados ao público.

A partir desa hora atoparemos no paseo fluvial -no mesmo emprazamento que a Feira Rural- unha grande variedade de planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén árbores froiteiras e pés para horta -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o recinto no sitio ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario para afrontar as tarefas desta época do ano, incluídas sementes e apeiros.

O tema central da feira rodéase, coma sempre, de oferta tamén variada en canto a produtos frescos e transformados -hortalizas, froita, chacinas, queixos…- e mesmo teremos moito onde escoller se queremos mercar algún detalle feito á man.

O evento virá cargado de actividades paralelas: un obradoiro de queixo e outro de tecidos para a rapazada -con varias quendas ao longo do día-, un posto da Casa do Mel para facer velas de cera, dúas demostracións de arte floral a media mañá e a media tarde, a actuación do grupo de pandeiretas PANSENFRON e os sorteos de ramos e centros florais (ás 14:00 e ás 19:30h) coas papeletas que nos entregarán con cada compra. Ademais, só por ir á feira levaremos de agasallo unha bolsiña con planta ornamental doada por Vivergal.

Na Feira da Plantación haberá sitio onde xantar baixo carpa, aínda que desde o Concello tamén se recomenda probar a cociña local acudindo a calquera dos restaurantes que hai no territorio (mellor facer reserva, sobre todo se se quere ir aos que quedan máis preto da feira).

Xornadas “Apostando polo sector primario”
A celebración da XXV Feira da Plantación tamén marca o inicio do programa de charlas técnicas “Apostando polo sector primario” que terá lugar na Casa da Xuventude os días 22, 23 e 29 de abril e o 6 de maio, organizado polo Concello en colaboración coa AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel.

A primeira sesión -este mesmo venres a partir das 18:30h- contará con Xoán Carlos Carreira Pérez, Doutor Enxeñeiro Agrónomo e profesor xubilado da Universidade de Santiago que falará sobre soberanía alimentaria e máis concretamente sobre a capacidade da nosa zona para se autoabastecer de produtos frescos e elaborados. O experto ofrecerá unha visión xeral sobre o potencial do modelo de produción para circuítos de proximidade, enfocando a charla no papel que poden desempeñar as iniciativas para consumo familiar, as pequenas explotacións ou as centradas na agroecoloxía.

A seguinte conferencia -sábado ás 11:00h- explicará a experiencia do centro Daquí Darredor, situado no concello de Brión. O espazo forma parte da Rede de Coworking da Deputación da Coruña e concíbese como punto de encontro colaborativo para a transformación de alimentos -conservas, zumes, etc-, igual que no Centro A Fusquenlla instalado en Moeche, que proximamente iniciará a fase de formación para persoas usuarias. Á charla que se ofrecerá en San Sadurniño asistirán Lucía Ferreira para falar sobre elaboracións con cabaza, Carlos Álvarez tratando o cultivo de setas gourmet e medicinais, e Santiago Yáñez, quen posúe unha plantación de maceiras en Muxía e produce zume.