Friday 22 de November de 2024

30 persoas asisten en San Sadurniño ao curso sobre o Alzhéimer e outras demencias organizado por AFAL-Ferrolterra e o Concello


Primeiro día do curso sobre o Alzhéimer e outras demencias organizado polo Concello en colaboración con AFAL-Ferrolterra. Anotáronse 30 persoas, que hoxe viron de que maneira cursa a enfermidade e como afrontala no ámbito familiar a medida que vai avanzando. Na charla tamén se desterraron algúns mitos, comentando por exemplo que só un 1% dos casos de Alzhéimer teñen unha compoñente hereditaria e que, malia non haber tratamento por agora, está comprobado que se pode previr ou retrasar a súa aparición levando unha dieta equilibrada e sen tabaco, facendo exercicio con regularidade e mantendo activas tanto a mente como as relacións sociais.

O Alzhéimer e as demencias son un problema de saúde pública de primeira orde. En Europa estímase que hai arredor de 8 millóns de casos diagnosticados -800.000 en España- e a cifra seguramente sexa moito maior, debido a que en moitos casos a enfermidade cursa sen ir acompañada dun diagnóstico médico.

O curso de AFAL-Ferrolterra prosegue mañá xoves, centrado nesa segunda sesión nas técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar unha persoa dependente de maneira que nin ela nin quen a coide sufran ningún tipo de lesión. Tamén se verán os problemas asociados a unha inmobilización prolongada e como previlos.