As vellas e xustas reivindicacións de numerosos colectivos, tales como asociacións empresariais e os concellos da Barbanza, levan anos pedíndolle á Xunta de Galiza que a suma a titularidade da estrada provincial EP-8001 que une a ponte de Catoira coa AP-9 en Caldas de Reis. O BNG acaba de rexistrar unha iniciativa parlamentar para que o goberno galego transforme esta estrada nunha vía de alta capacidade que enlace a autovía da Barbanza coa AP-9.
Esta estrada constitúe a saída natural dende a comarca da Barbanza cara á provincia de Pontevedra, comarcas do sur de Galiza e Portugal, polo que soporta un elevadísimo tráfico diario, gran parte del pesado, conformando un eixo vertebrador entre dúas provincias. Por se fose pouco o número de sinistros, algúns deles mortais, convértena nunha vía perigosa.
A deputada, Rosana Pérez Fernández, recriminou que o goberno incumpre o acordo subscrito coa Deputación de Pontevedra no ano 2010 para facerse coa titularidade da EP-8001 e bloquea a súa mellora. Pérez Fernández detallou que a Consellaría de Infraestruturas incluíra a mellora deste enlace no Plan Move 2009-2015 e fixara a súa execución no ano 2017 pero “ata o momento o goberno galego incumpre as súas propias previsións”.
A nacionalista censura que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade “bote balóns fóra” dicindo que non hai solicitude formal para o cambio de titularidade da estrada cando as Deputacións da Coruña e de Pontevedra levan anos solicitando o seu traspaso e a súa mellora.
“É necesario que esa estrada sexa de titularidade e de xestión autonómica e que o acordo entre as tres administracións chegue canto antes, como primeiro paso cara a unha mellora da conexión entre o sur da provincia da Coruña e a provincia de Pontevedra e Portugal, a través da posibilidade de unión entre a AG-11 e a AP-9” aseverou Pérez Fernández.
Pola súa banda, o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños asegurou que os pronunciamentos, as demandas e os acordos de moitos dos concellos situados a ambas as dúas marxes do río Ulla teñen sido numerosos durante, cando menos, os últimos dez anos. “É moita hora de que o goberno galego os comece a ter en conta e a incluílos na súa programación viaria de cara o futuro”.