Saturday 16 de November de 2024

“Lady Macbeth” chega ao Fórum Metropolitano da man do ciclo Literatura e Cinema


Na sala Marilyn Monroe proxectarase unha dobre función no marco do outro ciclo en marcha, Cinema e Danza, con “Insular bodies” de Stephanie Thiersch e “Aún” de Antonio Ruz

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), impulsa esta semana unha nova quenda de sesións cinematográficas nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano. O filme inglés “Lady Macbeth” (2016) será a nova entrega do Ciclo Cine e Literatura, que comezou as súas proxeccións na sala Fernando Rey o pasado xoves 31 de marzo co filme
“Charulata” (1964) do director indio Sayyajit Ray.

Esta é unha adaptación da novela “Lady Macbeth de Mtsensk”, do escritor ruso Nikolái Leskov, quen se inspirou na personaxe do clásico internacional “Macbeth” (1623) de William Shakespeare. A peza ambiéntase na Inglaterra rural de 1865 para contar a historia de Katherine (Florence Pugh), unha muller agoniada polo seu matrimonio e a súa relación familiar, mais un novo amor faralle tomar novas decisión na súa vida. A actriz foi galardoada co premio BIFA (Premios do Cine Independente Británico) á mellor actriz polo seu papel protagonista, sumando unha mención máis ao palmarés da peza neste certame (mellor guión, vestiario e fotografía). O filme tamén foi galardoado co premio FIPRESCI no Festival de San Sebastián, xunto con outros festivais europeos como o Festival de Zúrich.

A función ten unha duración de 89 minutos e proxectarase en versión orixinal subtitulada ao español. Non está recomendada para menores de 16 anos e as sesións previstas terán lugar os días xoves 21 (20.00 horas), venres 22 (20.00 horas) e sábado 23 de abril (17.30 e 20.00 horas).

Dobre proxección do II Cinema e Danza
A sala Marilyn Monroe acolle esta fin de semana unha nova entrega do segundo Ciclo de Cinema e Danza, coa proxección de “Insular bodies” de Stephanie Thiersch e “Aún” de Antonio Ruz. Os documentais proxectaranse na mesma sesión e teñen unha duración de 23 e 40 minutos respectivamente.

“Insular bodies” (2021) é un filme alemá do director Stephanie Tiersch non dialogado, no que se reflexiona sobre o humano e o non humano, o vivo e o non vivo, e a relación do corpo coa contorna natural. A través das diversas coreografías interpretadas polos artistas que forman o elenco, créanse imaxes poéticas que poñen en valor a importancia do corpo na súa conexión coa ecoloxía.

Pola súa banda, “Aún” é a primeira creación da compañía española de Antonio Ruz coa que conmemora o 10 aniversario do seu nacemento. Nela revisítanse algúns traballos da traxectoria da compañía no Círculo de Belas Artes e fílmanse novas coreografías nos seus diferentes recunchos, buscando crear un espazo de celebración e encontro para a danza contemporánea en relación con outras disciplinas como as artes plásticas ou a música. As distintas estancias deste emblemático edificio actívanse por secuencias coreográficas, provocando un diálogo entre o movemento, a cámara e a arquitectura e creando un documento audiovisual interartístico para a memoria da compañía.

As sesións previstas no Fórum Metropolitano terán lugar entre o xoves 21 (20.00 horas), venres 22 (20.00 horas) e sábado 23 de abril (17.30 e 20.00 horas).

Xa á venda as entradas para as primeiras sesións dos dous ciclos
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na Praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.

Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.