— Ofrecerá información, asesoramento e axuda naqueles trámites necesarios para as persoas refuxiadas como a escolarización de menores, o acceso á sanidade ou cursos de competencias lingüísticas para a súa inserción no mundo laboral
— Iniciará a ruta esta mesma semana na Coruña e percorrerá distintos lugares da Comunidade durante os próximos tres meses
A Xunta impulsa unha unidade móbil de información para refuxiados ucraínos que percorrerá as sete cidades e as localidades con máis poboación refuxiada durante os próximos meses. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá na presentación desta oficina itinerante na Coruña.
Fabiola García sinalou que esta unidade contará cunha intérprete e unha traballadora social que ofrecerán información, asesoramento e axuda sobre todos os trámites que debe facer a poboación refuxiada e os servizos que teñen á súa disposición. Este servizo iniciará a súa ruta esta mesma semana e percorrerá distintos lugares da comunidade durante os próximos tres meses. Trátase dunha axuda fundamental para as persoas refuxiadas durante estes primeiros meses na nosa Comunidade.
A conselleira apuntou que entre outras cuestións axudaranlle a ter información sobre como obter a documentación sanitaria que lle permita acceder ao sistema público de saúde, como escolarizar aos seus fillos nun dos centros da comunidade, como beneficiarse dunha das 1400 prazas de acollida que Galicia puxo a disposición do Goberno central e como acceder a cursos de formación en competencias lingüísticas para facilitar a súa inserción no emprego.