Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño programa cursos de fructicultura e apicultura en colaboración coa AGFA do Eume e a Casa do Mel


O paquete formativo vén engadirse á convocatoria de capacitación técnica para acceder ao centro A Fusquenlla e ás xornadas Apostando polo Sector primario

 

Esta semana van botar a andar as xornadas Apostando polo Sector primario, das que xa avanzamos o programa hai uns días como parte das actividades formativas que rodean a Feira da Plantación, e este luns tamén publicamos a primeira convocatoria da capacitación técnica para poder utilizar o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado en Moeche. Porén, en canto a cursos relacionados co medio rural a cousa non para aí, xa que de cara ás próximas semanas o Concello, a AGFA do Eume e a Asociación Casa do Mel tamén colaboran para ofertarnos formación técnica no campo da apicultura e da fructicultura. Organizaranse dous cursos, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro que tratará ao longo de cinco xornadas cuestións avanzadas sobre o coidado das abellas. As inscricións hai que facelas chamando ao 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Vexamos as datas, horarios e temas que se van tratar.

30 de abril, 1, 7, 8 e 19 de maio: Perfeccionamento no manexo das abellas
Durante estas cinco xornadas veremos co enxeñeiro Iago Vilela cuestións moi concretas sobre o coidado e reprodución das abellas. Os temas que se van tocar son: sanidade apícola, probas de selección, cría de raíñas e formación de núcleos.

A formación teórica impartirase na Casa da Xuventude, mentres que as prácticas se farán no apiario da Cortiña, en horario de 9:00 a 13:00 os catro primeiros días, mentres que o último -o 19 de maio- o curso trasladarase á Casa do Mel de Goente con horario de 16:00 a 20:00h. A data límite para apuntarse é o 27 de abril ás 14.00h.

Terán prioridade as veciñas e veciños de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel. En ambos casos o obradoiro ten un prezo de 20€, mentres que para o resto de inscricións o prezo serán 40€. É necesario xuntar un grupo de 10 persoas como mínimo e de 20 como máximo.

21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño, de 9:00 a 14:00h.: Iniciación á fructicultura
O enxeñeiro técnico agrícola e especialista en fructicultura Luís Quinteiro encargarase de impartir este curso da Asociación Galega da Froita Autóctona dirixido a persoas que queiran mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras.

A actividade abordará a analítica e fertilización do chan, os tipos de poda, o control de pragas e enfermidades por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado.

A teoría tamén se dará na Casa da Xuventude e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos. O curso ten un prezo de 30€ para a xente de calquera parroquia de San Sadurniño e para persoas socias da AGFA. Para o resto, 60€. Podedes apuntarvos ata as 14:00h. do día 18 de maio. Só hai 20 prazas dispoñibles.

As inscricións hai que facelas a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Ambas propostas formativas están incluídas nos convenios de colaboración suscritos recentemente polo Concello tanto coa AGFA como coa Casa do Mel.