A familia do edil descubriu o domingo a fachada do inmoble chea de manchas de pintura
A vivenda familiar do concelleiro socialista Antón Noceda Carballo foi obxecto dun ataque vandálico durante esta Semana Santa. O inmoble apareceu coa fachada inzada de manchóns de pintura de distintas cores, vertida directamente sobre a parede e a porta principal. Os propietarios atopárona así o domingo á tarde, aínda que segundo os veciños os desperfectos xa se produciran en días anteriores. Os feitos xa foron postos en coñecemento da Garda Civil e da Policía Local para tentar dar cos responsables. O Goberno municipal manifestou o seu rexeitamento destes actos, cualificándoos “de extrema gravedade” se se confirmase que tras deles existe unha motivación política.
“Non son pintadas feitas por un grafiteiro, non é unha frase ou un debuxo con esprai, senón que se trata de manchóns de pintura vertida en paredes e portas sen xeito nin maneira, como se a única intención fose a de facer mal para causarlle un prexuízo á familia Noceda Carballo. Todas as posibilidades están abertas e non pode descartarse unha intencionalidade política neste acto vandálico. Se se confirmase sería dunha gravedade extrema”, comentou o alcalde, Juventino Trigo, ao saber dos feitos esta mesma mañá.
O rexedor quixo expresar a solidariedade do seu equipo co edil socialista e coa súa familia, ao tempo que manifestou a súa repulsa do ocorrido. Un rexeitamento que Trigo fixo extensivo a toda a institución que preside. “O Goberno que encabezo, e creo que falo tamén en nome de todos os grupos da Corporación e da veciñanza de Fene, condenamos calquera ataque aos bens públicos ou privados e máis aínda se confirma que existe algún tipo de motivación política que atente contra a liberdade ideolóxica ou contra a actividade que exercemos como representantes públicos elixidos polo pobo”,
A vivenda encóntrase preto das curvas de Santa Ana e dáse a circunstancia de que leva algún tempo baleira, aínda que a familia acode regularmente a ela. Foi nunha desas visitas, o domingo á tardiña, cando descubriron os danos. Manchas vermellas, violetas e amarelas que, segundo varios veciños, xa levaban varios días tinguindo a parede e a porta de acceso principal.
Suponse que os feitos -xa denunciados perante a Garda Civil e tamén postos en coñecemento da Policía Local de Fene- poderían terse producido durante a noite dalgún dos festivos da Semana Santa.