O festival de primavera comezará o vindeiro 29 de abril, cunha proposta que abrangue a compañías galegas a tamén estranxeiras, coa presenza de artistas de referencia
O Teatro Rosalía de Castro acolleu hoxe a presentación da programación da décima primeira edición do ciclo TRC-Danza, unha programación que, de cara a este ano, abrangue propostas de danza, artes do movemento e artes vivas, e que estará artellada en dúas fases diferenciadas: o Festival TRC-Danza Primavera, entre abril e maio; e a tempada de outono, entre setembro e novembro.
O Festival TRC-Danza Primavera comezará o vindeiro venres 29, coincidindo coaconmemoración do Día Internacional da Danza, e estenderase ata o sábado 14 de maio.
Neste período, o Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas a sete espectáculos, “unha proposta que aglutina a compañías galegas e tamén foráneas no contexto dun programa intenso, que atende a un compromiso co teatro público, con espectáculos para públicos maioritarios, así como ás artes minorizadas”, sinala Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro.
O onubense Guillermo Weickert, coa obra ‘Parece nada’, será o primeiro en subir ao escenario do teatro coruñés, o día 29 (20.30 horas), abrindo camiño a compañías galegas como Colectivo Glovo ou Elahood, así como a artistas internacionais como Poliana Lima e Gastón Core. As datas dos espectáculos nesta primavera son as seguintes:
● Venres 29 de abril (20.30 horas): ‘Parece nada’, de Guillermo Weickert.
● Sábado 30 de abril (20.30 horas): ‘Tabú’, de Colectivo Glovo.
● Venres 6 de maio (20.30 horas): ‘Las cosas se mueven pero no dicen nada’, de Poliana Lima.
● Sábado 7 de maio (20.30 horas): ‘The very last northern White Rhino’, de Gastón Core
● Xoves 12 de maio (20.30 horas): ‘Void void void’ [Traballo en proceso], de Oasis Paraíso e María R. Soares.
● Venres 13 de maio (20.30 horas): ‘Nó’, de Elahood.
● Sábado 14 de maio (20.30 horas): ‘Constantes do porvir’, de Félix Fernández.
Outros seis espectáculos na programación de outono
“O ciclo TRC-Danza, que comezou no ano 2012, é un festival consolidado, referente non só a nivel de Galicia, senón tamén no panorama nacional”, sinalou hoxe o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín.
Neste sentido, e tras a primeira fase de programación prevista nesta primavera, o ciclo TRC-Danza volverá á actividade no mes de setembro, con outros seis espectáculos previstos entre os días 16 de setembro e 25 de novembro.
Será o momento para gozar con obras como ‘Flamingos’, de Albert Quesada. O cartel de outono, que conta con múltiples artistas de referencia, comezará co coreógrafo coruñés Javier Martín e a súa proposta escénica ‘Figuras do limiar’.
● Venres 16 de setembro (20.30 horas): ‘Figuras do limiar’, de Javier Martín.
● Sábado 8 de outubro (20.30 horas): ‘INA’, de Paloma Hurtado e Daniel Morales.
● Sábado 29 de outubro (20.30 horas): ‘A muerte’, de Hermanas Gestring.
● Sábado 5 de novembro (20.30 horas): ‘Flamingos’, de Albert Quesada.
● Domingo 13 de novembro (20.30 horas): ‘Mortais e vulnerables’, de Furia Sotelo.
● Venres 25 de novembro (20.30 horas): ‘El hijo’, de Daniel Abreu.
As múltiples actividades da Programación Expandida
Recintos municipais como o Fórum Metropolitano, o Ágora e o propio Teatro Rosalía de Castro participan no proxecto da Programación Expandida que acompaña ao ciclo TRC-Danza. Baixo a coordinación de Caterina Varela promoveranse un ciclo de cinema e danza, os talleres de público para compartir e conversar sobre o eido da danza e a creación contemporánea e obradoiros formativos sobre técnicas de movemento, entre outras iniciativas.
As entradas, xa á venda
As entradas para asistir aos trece espectáculos do ciclo TRC-Danza poden adquirirse en liña a través da web Ataquilla.com ou de forma presencial, no despacho de billetes do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) sito na praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas) con prezos de 8 a 12 euros para o público xeral. Os billetes tamén poderán adquirirse os mesmos días dos espectáculos, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.