Saturday 16 de November de 2024

O Concello da Coruña publica un volume que recolle en textos e imaxes a infancia e xuventude de María Casares


A publicación xorde como iniciativa da Concellaría de Educación e Memoria Histórica, con motivo do centenario do nacemento de María Casares

A edición aporta un material orixinal de gran valor, pois combina a visión persoal da actriz coa formación histórica de Xosé Alfeirán

O Concello da Coruña presentou hoxe, 18 de abril, a súa publicación orixinal “María Casares. Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936”. Trátase dun álbum-catálogo produto da exposición sobre a vida da actriz coruñesa, no que se recollen un total de 36 postais. O número correspóndese co ano no que María Casares tivo que exiliarse en París (1936) coa súa familia a causa da guerra civil española.

A edición e publicación da colección xorde como iniciativa da Concellaría de Educación e Memoria Histórica, con motivo do centenario do nacemento de María Casares e coincidindo coas celebracións polo día da República (14 de abril) en homenaxe ao exilio da familia Casares. Entre as súas páxinas recóllense episodios e vivencias dende a súa infancia á adolescencia, que foron escritos e descritos pola propia María Casares na súa autobiografía “Residente privilégiée”, publicada pola editorial Fayard en 1980 e posteriormente traducida ao castelán (1981) e galego (2009) polas editoriais Argos Vergara e Trifolium. Esta publicación é considerada a fonte principal de información para o estudo da artista polo seu gran valor testemuñal e narrativo.

O historiador Xosé Alfeirán foi o encargado da escolla dos textos que acompañan as 36 postais da colección, aos que sumou algunhas pequenas notas históricas que complementan as lembranzas de María Casares. Alfeirán recorda nunha nota á edición que «gran parte do narrado baseábase, non nun diario coetáneo dos feitos, senón na recuperación e reconstrución das lembranzas» polo que os feitos relatados non son totalmente reais. A edición deste libro supón a creación dun material orixinal de gran valor histórico e literario, pois combina a visión persoal da actriz coa formación histórica de Xosé Alfeirán.

O volume presentouse de forma física nun coloquio a cargo do propio Xosé Alfeirán na Casa Museo Casares Quiroga, donde distribuirase entre as persoas visitantes da propia exposición “María Casares. Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936” que dou lugar á publicación. A publicación tamén se pode visualizar en liña dende o pasado xoves 14 de abril, coincidindo coa celebración do Día da República, na seguinte ligazón.

Exposición “María Casares. Vivencias de infancia e xuventude. 1922-1936”

A Casa Museo Casares Quiroga acolle dende o pasado mes de marzo a exposición que dou lugar a esta edición: “María Casares. Vivencias de infancia e xuventude. 1922-1936”.

Trátase dunha mostra temporal sita na planta baixa da Casa Casares e que pode visitarse ata o vindeiro 8 de maio.

A exposición é un máis dos eventos impulsados este ano pola alcaldesa, Inés Rey, para conmemorar o centenario do nacemento da actriz. Ademais da posta en marcha da exposición, o Concello da Coruña renovou a musealización do terceiro andar da Casa Museo Casares Quiroga, un novo espazo que acolle xa unha exposición permanente sobre María Casares e o universo da rúa Panadeiras. Este novo espazo achégase á intimidade de María Casares mediante contidos diversos como fotografías, revistas, carteis de películas e documentos persoais da actriz, nunha localización onde habitou sendo unha nena.

O Concello da Coruña está levando a cabo múltiples actividades para a difusión e homenaxe á figura da actriz con motivo da celebración do Ano Internacional María Casares.

Durante todo o 2022, as Bibliotecas Municipais acollerán a exposición itinerante “Eu son de aquí”, sobre a orixe coruñesa de María Casares e súa posterior traxectoria no mundo da cultura. Tamén se realizarán diversas estreas teatrais de obras vinculadas á figura de María Casares, así como outras pequenas exposicións que acheguen á cidadanía a historia da artista coruñesa.

Toda a información sobre o Ano Internacional María Casares poderá consultarse a través do espazo web coruna.gal/mariacasares.