Dirixirá as áreas de Igualdade e Benestar e a de Normalización lingüística
O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía unha sesión extraordinaria na que tomou posesión do seu cargo Araceli Bellas Castro, nova concelleira do Grupo Municipal do BNG que accede á corporación municipal en substitución de Ana Belén Breixo Gundín. Bellas, nada nas Pontes hai 28 anos pero residente en Gudín (Lamas), será nomeada nos próximos días responsable de Igualdade, Benestar e Normalización lingüística.
A nova concelleira concorreu ás municipais de 2019 no posto número 8 da candidatura do BNG e, polo tanto, era o seguinte nome nas listas para ocupar o lugar de Ana Belén Breixo trala súa renuncia ao cargo que se fixo efectiva no último pleno.
Araceli Bellas prometeu o seu cargo perante o secretario municipal e o resto de concelleiras e concelleiros -agás Tomás Calvo, ausente por enfermidade- comprometéndose “a defender os intereses xerais do pobo de San Sadurniño e do pobo galego”.
Foi unha intervención breve, igual que todo o pleno, que non durou máis de cinco minutos. Trala promesa, a concelleira -a máis nova da corporación- ocupou o seu escano e recibiu de parte de Secundino García a benvida formal ao máximo órgano de representatividade municipal: “Quero darlle a benvida á nova concelleira e desexarlle que acerte nas súas decisións polo ben de todos e todas”, dixo Secundino García antes de levantar a sesión.
Araceli Bellas Castro naceu en 1994 nas Pontes, aínda que leva anos vivindo en Gudín, na parroquia de Lamas, canda a súa familia. Ten a titulación do Ciclo Superior en Fotografía Artística e Produción de audiovisuais, ámbito no que leva varios anos traballando e colaborando en distintos proxectos.
Nestes días Secundino García asinará o decreto coa delegación de competencias das áreas que dirixirá. Serán as mesmas que levaba Ana Belén Breixo -Igualdade e Normalización Lingüística- e, a maiores, tamén asumirá Benestar. Bellas tamén será 3ª tenente de alcalde e integrarase na Xunta de Goberno Local ocupando o lugar que deixará vacante este mesmo mércores Manolo Beceiro, quen continuará levando o departamento de Infraestruturas e Urbanismo.