Thursday 21 de November de 2024

O Concello creará unha glorieta no cruzamento entre Ramón y Cajal e a avenida do Exército para mellorar o tráfico e a mobilidade peonil e ciclista


O proxecto contará cun orzamento de más de medio millón de euros e suporá tamén a humanización da contorna con novas árbores e bancos de madeira

O Concello da Coruña remodelará o cruzamento entre a avenida do Exército e a rúa Ramón y Cajal, creando unha rotonda que favoreza o tráfico rodado e a mobilidade alternativa peonil e ciclista. Este proxecto enmárcase dentro das políticas de Inés Rey da mellora da circulación en puntos clave da cidade, posibilitando tamén unha maior integración de alternativas sostibles como a bicicleta.

Esta actuación supón unha mellora integral do cruzamento e intégrase na rede de vías ciclables que foi renovada en Ramón y Cajal, dando continuidade e favorecendo esta mobilidade alternativa. A nova glorieta suporá ademais unha mellora do tráfico, unha mellora da accesibilidade e as comunicacións coas rúas próximas, a renovación de materiais por outros máis resistentes e duradeiros, a ordenación dos aparcadoiros e a mellora das instalacións da zona.

O proxecto licitarase en próximas datas e os traballos servirán tamén para arranxar e renovar servizos da contorna. Unha vez licitado, o prazo de execución deste proxecto será de seis meses. O orzamento total da nova glorieta será de 542.836 euros. Ordenaranse os pasos de peóns e os pasos ciclistas, garantindo a seguridade viaria e o tránsito. Por outra banda, o proxecto suporá unha mellora en materia de accesibilidade, con beirarrúas máis amplas e de novos materiais.

Por outra banda, a obra tamén servirá para humanizar a contorna da nova glorieta, coa plantación de xardineiras en diferentes espazos, catorce novas árbores de folla perenne e dez bancos de madeira. “Avanzamos co noso proxecto para A Coruña, creando unha cidade máis amable para os peóns e que incorpora melloras para o tráfico, como esta glorieta”, sinalou a alcaldesa Inés Rey.

Esta glorieta complementa a outra creada no 2020 no cruzamento entre Ramón y Cajal e Pérez-Arda, tamén integrada na contorna con avances na accesibilidade peonil e no tránsito de bicicletas. A iso hai que engadir a renovación do carril bici de Ramón y Cajal, executado no 2021, que supuxo unha mellora da seguridade das persoas usuarias.