Thursday 21 de November de 2024

As procesións do Santo Encontro, da Angustia, Enterro e Soidade percorrerán as rúas este Venres Santo


• Ás 11 horas terá lugar o sermón e procesión do Santo Encontro na Praza da Quintana

• Pola tarde será o turno da Confraría da Angustia, do Rosario e da Soidade ás 18, 20 e 23 horas respectivamente

• O Sábado Santo a Procesión dos Irmáns comezará o seu percorrido ás 20 horas desde o colexio “La Salle”

 

Este Venres Santo, serán catro as Confrarías que procesionarán polo casco histórico de Santiago. Pola mañá, será a Confraría do Noso Pai Xesús Nazareno e a Santísima Virxe das Dores a encargada de realizar o Santo Encontro. Ás 10.30 horas sairán da súa sede, a Igrexa de San Miguel dos Agros, cunha procesión que baixará dividida por dous percorridos diferentes ata a praza da Quintana, lugar no que, ás 11 horas, terá lugar o Sermón do Encontro, durante o cal se representará coas catro imaxes propiedade da Confraría: A Virxe das Dores, o paso de Xesús Nazareno, a Verónica e San Xoán. Unha vez rematado, retomarase a procesión acompañada da Banda Municipal de Santiago, que levará a cabo o percorrido de volta cara San Miguel dos Agros.

Xa pola tarde, ás 18 horas, será o turno da Ilustre Confraría da Quinta Angustia. Unha procesión que, desde o seu barrio e, cunha gran afluencia de veciños e veciñas, acompañará á súa imaxe ata o casco histórico. Unha vez recollida, ás 20 horas, tamén sairá a Real e Ilustre Confraría Numeraria do Rosario de San Domingos de Bonaval coa Procesión do Santo Enterro. Un desfile no que participará o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio e no que, os seus confrades, ataviados con chaqué, acompañarán á Virxe dos Coitelos e a urna co Cristo Xacente.

Para pechar o Venres Santo e, ben entrada a noite, abriranse as portas da Igrexa de Santa María Salomé, polas que sairá a Virxe da Soidade. Unha procesión cun gran arraigo na cidade que, cara a media noite, transcorre por unhas rúas iluminadas co seu manto de acibache e as candeas das confrades e devotos que a acompañan.

Por último, mañá Sábado Santo e, como día previo ao Domingo de Resurrección, será a Real Confraría do Santísimo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade, con sede no colexio “La Salle” Inmaculada, a encargada de realizar a Procesión dos Irmáns. Unha Estación de Penitencia cunha alta participación de nenos e nenas, dúas imaxes procesionais e coa participación da Banda da Brilat que, cos seus cantos, encherán o casco histórico.

Procesión do Santo Encontro:
Praza da Quintana · Rúa da Conga · Praza das Praterías · Rúa do Vilar · Praza do Toural Rúa Nova · Rúa da Conga · Rúa do Preguntoiro · Praza de Cervantes · Rúa da Algalia de Arriba · San Roque · Rúa do Hospitaliño · Porta da Peña · Praza de San Martiño Pinario · Igrexa de San Miguel dos Agros

Procesión da Quinta Angustia:
Campo da Angustia · Rúa da Angustia · Rúa do Rosario · Rúa de Bonaval · Porta do Camiño · Casas Reais · Praza de Cervantes · Rúa do Preguntoiro · Travesía de San Paio · Rúa de San Paio · Praza de Feixóo · Rúa do Preguntoiro · Praza de Cervantes · Casas Reais · Porta do Camiño · Rúa de San Pedro · Rúa da Angustia · Campo da Angustia

Procesión do Santo Enterro:
Igrexa de San Domingos de Bonaval · Costa de San Domingos de Bonaval · Porta do Camiño · Rúa das Casas Reais · Praza de Cervantes · Rúa da Acibechería · Praza da Inmaculada · SAMI da Catedral · Praza das Praterías · Rúa do Vilar · Praza do Toural · Rúa Nova · Rúa da Conga · Rúa do Preguntoiro · Praza de Cervantes · Rúa das Casas Reais · Porta do Camiño · Costa de San Domingos · Igrexa de San Domingos de Bonaval

Procesión da Soidade:
Rúa Nova · Praza do Toural · Rúa do Vilar · Praza das Praterías · Rúa da Conga · Rúa do Preguntoiro · Rúa da Caldeirería · Rúas das Orfas · Cantón do Toural · Rúa Nova

Procesión dos Irmáns:
Rúa García Blanco · Rúa Concepción Arenal · Rúa Fonte de Santo Antonio · Rúa das Orfas · Cantón do Toural · Rúa Nova · Rúa de Xelmírez · Praza das Praterías · Rúa do Vilar · Porta Faxeira · Compo da Estrela · Rúa da Senra · Rúa Fonte de Santo Antonio · Rúa Concepción Arenal · Rúa García Blanco