Este espazo, cuxos primeiros traballos avanzan a bo ritmo, medrará grazas á adecuación de predios municipais limítrofes
O Concello da Coruña ampliará o proxecto do Bosque de Breogán cunha segunda fase que suporá a adecuación duns 35.000 metros cadrados de monte para o uso e gozo da cidadanía. Esta zona de lecer atópase entre a Urbanización Breogán e o cemiterio de Feáns.
A primeira fase deste proxecto, que supón a creación dun novo espazo de 27.000 metros cadrados, estase a executar nestes momentos e avanza a bo ritmo. Forma parte da estratexia Eidus Coruña e está prevista a creación de zonas para pasear, lugares de prado e observación, espazos boscosos e equipamento deportivo. Os sendeiros desta primeira fase sumarán case un quilómetro de percorrido coa creación de 912 metros de novos camiños, cun firme axeitado para o lugar.
Na segunda fase sumaranse un total de 35.000 metros cadrados grazas á adecuación de diferentes fincas de titularidade municipal que hai entre a Urbanización Breogán e a estrada de Feáns. Estes terreos serán intervidos mediante a eliminación de especies invasoras e a plantación doutras árbores autóctonas. Levaranse a cabo outras actuacións paralelas, como a integración neste proxecto do parque infantil situado na rúa José Goyanes. Limparanse tamén os camiños crearase un circuíto circular.
Tanto este proxecto como a súa primeira fase forman parte do plan de expansión de zonas verdes postos en marcha polo Goberno municipal de Inés Rey. O obxectivo é gañar espazos de lecer e deportivos para a cidadanía nos diferentes barrios e aproveitar o terreo existente como o existente en Feáns. O Bosque de Breogán contará cun maior número de árbores, xa que se repoboará a zona con varias especies como freixos, bidueiros, acivros, cerdeiras, carballos, castiñeiros ou faias. Colocarase equipamento de distinto tipo e colocarase unha plataforma de madeira para facilitar o acceso aos terreos.
Está previsto que os traballos desta segunda fase comecen nos próximos meses, unha vez se superen os trámites previos indispensables para a súa execución. A previsión é que a primeira fase do Bosque de Breogán quede finalizada nos meses de verán.