José Manuel Lage: “Os fondos públicos aumentan en todas e cada unha das áreas, cun incremento total sobre os últimos orzamentos en vigor que supera o 19%”
“As xestións levadas a cabo por Inés Rey permiten que estes orzamentos medren máis que nunca coa incorporación dos fondos do IDAE e dos Next Generation, que suman entre os dous máis de 20 millóns”
Tras a aprobación inicial dos orzamentos do 2022 o pasado día 10 de marzo, o Pleno municipal aprobou hoxe de xeito definitivo as contas do presente exercicio, aprobación que supón a entrada en vigor na vindeira semana dos maiores orzamentos da historia do Concello, que chegan ata os 310 millóns de euros, 50 millóns de euros máis que no 2020. Incluíndo os entes e empresas municipais, os recursos municipais ascenden a 335.226.558 euros.
O Orzamento Municipal deste ano, froito do acordo e do diálogo co grupo municipal da Marea Atlántica, “actuará como unha potente ferramenta para axudar na dinamización económica da cidade, mais tamén para estender o escudo social ás persoas que máis o precisan e contribuír á mellora da calidade urbana e ambiental da cidade”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.
O concelleiro e portavoz do Goberno local recordou que os fondos municipais medran en máis do 19% e que o fan en todas e cada unha das áreas . No capítulo de investimentos reais o aumento con respecto ao ano 2020 ascende a 34.666.278 euros, dos que máis de 29 millóns correspóndenlle á Área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. Os ditos fondos permitirán rematar proxectos en marcha, mais tamén iniciar outros novos como a humanización da praza da Palloza e a reurbanización das rúas Comercio, Vila de Cee, Santander e Ponte, entre outras moitas.
As contas do 2022 reservan importantes cantidades para implementar políticas de vivenda pública (9 millóns de euros) e tamén para a dinamización de locais comerciais baleiros (3 millóns de euros) cos que se creará un banco de alugueiro, mais que tamén se destinarán a equipamentos públicos.
A Área de Deportes medra tamén ata ficar preto dos 11 millóns de euros, un millón máis que no 2020. Os ditos fondos permitirán, entre outras moitas cousas, a construción dunha pista polideportiva exterior nos Rosales e outra máis na Urbanización Breogán, ademais da instalación de céspede artificial no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso e a reforma integral do pavillón polideportivo de Labañou.
As contas municipais rexistran tamén un incremento de case 3 millóns de euros na Área de Medio Ambiente, que permitirán destinar 7,5 millóns a mellorar o mantemento de parques e xardíns, 1,9 millóns máis que ata o de agora.
Melloras en todo o carril bici (1,5 millóns de euros) e humanizacións de rúas (4 millóns) aparecen nunhas contas cuns ingresos que crecen, entre outras cousas, explicou Lage Tuñas “polas xestións levadas a cabo por Inés Rey para incorporar fondos do IDAE e dos Next Generation, que suman entre os dous máis de 20 millóns de euros”.
Nos orzamentos destaca especialmente o incremento do gasto social ata os 27,5 millóns de euros, o que permitirá ampliar programas como a Renda Social Municipal (200.000 euros máis) ou poñer en marcha outros como o de apoio a persoas coidadoras (250.000 euros) ou de atención á saúde mental. As achegas a entidades sociais, culturais e deportivas da cidade soben tamén ata superar os 9 millóns de euros, 878.000 euros máis que nos últimos orzamentos en vigor. Ás ditas achegas engádeselle, en virtude dunha emenda acordada entre o Goberno local e o grupo municipal da Marea Atlántica, un incremento na partida destinada a convenios nominativos, súmase un novo convenio coa Fundación Rogelio Groba e mellóranse os xa previstos coa Liga Reumatolóxica Galega “Loita contra o reumatismo”, Atlético Coruña Montañeros, Club Deportivo Padre Faustino e Orzán Sociedade Deportiva.