O proxecto conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros e afectará a case 19.000 metros cadrados, dos cales o 58% serán de uso público
O Concello da Coruña permitirá a urbanización dun espazo de 19.000 metros situado no lugar de Pedro Fernández, en Pedralonga, entre a avenida da Pasaxe, a avenida de Alfonso Molina e a rúa Luis Pita. Este proxecto promovido por axentes privados foi aprobado pola Xunta de Goberno Local este mércores 13 de abril en María Pita.
Estes traballos permitirán que un 58% dos 18.781,17 metros cadrados urbanizados sexan de uso público para a cidadanía. Serán un total de 10.791,03 metros cadrados de espazos públicos, dos cales 3.208,33 metros cadrados serán zonas verdes e áreas de recreo e ocio.
Este proxecto encádrase na liña marcada polo Goberno municipal de Inés Rey, que dota os barrios da cidade de novos espazos verdes e de lecer. “Continuamos impulsando novas áreas públicas para o uso e gozo da cidadanía, como xa estamos a facer coa execución do Bosque de Breogán”, apuntou a alcaldesa.
No ámbito deste proxecto plantaranse un total de 65 árbores de distintas especies e colocaranse 23 bancos. A urbanización farase seguindo un criterio de accesibilidade, creando unha área dividida en bloques de edificación aberta e unha gran zona verde interior de titularidade pública, con accesos peonís desde os espazos públicos exteriores. A disposición deste xardín interior rodeado de edificios outorgará unha maior protección do vento e manterase aberto á luz solar.
Este parque público prevese que será moi utilizado polos veciños e veciñas da zona. “Coa aprobación inicial deste proxecto dámoslle unha maior importancia ao espazo público sobre o privado e garantimos grandes áreas de calidade para a cidadanía”, apunta Inés Rey. O orzamento deste proxecto é de 2,6 millóns de euros e o prazo de execución é de 12 meses.
O actual Goberno municipal desbloquea este proxecto de urbanización, que iniciou os seus trámites no ano 2008 e foi paralizado ao longo dese tempo por cuestións técnicas e orzamentarias.
Licenzas aprobadas
A XGL aprobou a concesión de 156 novos expedientes que foron tramitados entre o 25 de marzo e o 7 de abril deste ano. Dese total, sete foron licenzas urbanísticas, 92 foron comunicacións de obras e 34 foron comunicación de actividade, entre outras cuestións. No 2021 o Concello concedeu un total de 764 licenzas, fronte ás 729 do 2020 e as 679 do 2019.
Ditas licenzas outorgadas o pasado ano supuxeron a posta en marcha de obras na cidade por máis de 135 millóns de euros.
Saneamento na Zapateira
Por outra banda, a XGL aprobou a adxudicación das obras de saneamento na rúa Marsella, sita na Zapateira. Os traballos enmárcanse nas actuación levadas a cabo polo Goberno municipal no barrio co obxectivo de facilitar a recollida de augas residuais domésticas, minimizando a posibilidade de que teñan lugar verteduras accidentais no medio ambiente.
Os traballos foron adxudicados á empresa Novavial por 304.394,65 euros e o prazo de execución será de tres meses, contados a partir do día seguinte da firma da acta do replanteo.
O Concello ten previsto un investimento que supera os 700.000 euros para este tipo de labores na Zapateira.
Outros asuntos
A XGL tamén aprobou a adxudicación do programa de estudos en Norteamérica durante o curso escolar 2022/2023 á empresa Language Kingdom. O prezo deste contrato ascende a 650.000 euros e o número de prazas ofertadas será de 35. En caso de que a situación sanitaria impedise a celebración deste programa no curso 2022/2023, este poderase retrasar e realizarse o seguinte ano.