A Administración local investirá preto de 56.000 euros nos traballos
As máquinas comenzaron a traballar no camiño do Vilar, na parroquia de Casadelos. A semana pasada o Concello de Neda iniciaba as obras de pavimentación do vial cos traballos de limpeza de cunetas e máis instalación dos tubos para a recollida e condución de pluviais. A actuación contempla o aglomerado do camiño no treito que discorre entre o cruce de subida ao monte de Ancos e o cruce de Forxá a San Antonio.
Segundo avanza o Concello, as obras, incluídas no plan municipal de mellora de viais municipais, contan cun investimento de 55.977,59 euros, que se financian con cargo ao POS+2021 da Deputación provincial da Coruña.