Friday 22 de November de 2024

A ilustradora sonense Sara Iglesias inaugurará en Lousame a mostra “Involución”, que reflexiona sobre a acción humana sobre o planeta, e impartirá o contacontos “Balbina”


O Concello de Lousame conmemorará o Día do Libro coa inauguración desta exposición, un contacontos e varios obradoiros

O Concello de Lousame vén de elaborar unha completa programación para conmemorar o Día do Libro, que terá lugar o propio sábado 23 de abril. Un programa que dará comezo ás 12:00 horas e que inclúe: unha sesión de contacontos e un obradoiro de refugallos, dirixido a nenos e nenas de 3 a 6 anos, e a inauguración da exposición “Involución” e unha serie de obradoiros culturais dirixidos a nenos e nenas de 7 a 12 anos. Unhas actividades totalmente gratuítas pero para as que é preciso inscrición previa a través de bandoticket.com.

A xornada dará comezo ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Lousame co contacontos “Balbina”, libro de Sara Iglesias (Porto do Son, 1986), ilustradora e mestra de Educación Infantil. Unha historia que demostrará aos nenos e nenas de Lousame como a través da imaxinación e a creatividade, xunto a valores tan importantes como a xenerosidade e a bondade, se poden atopar alternativas para conseguir os seus obxectivos. Neste caso, o libro conta a historia de Balbina, unha nena solidaria que ten moita ilusión en ir bailar á gran festa do pobo pero á que un imprevisto de última hora fará que teña que empregar toda a súa creatividade para atopar unha solución.

Exposición

Unha vez finalizado o contacontos, a rapazada permanecerá media hora máis nun obradoiro de refugallos, mentres que a autora e as familias desprazaranse ata o salón de exposicións da Casa da Cultura para inaugurar “Involución”, unha mostra que a propia autora define como “unha serie de ilustracións que fan reflexionar sobre as accións humanas cara o planeta Terra”. A autora estará acompañada da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e da concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.

A mostra está composta de tres partes. “A primeira dedícolla á nai Terra que, aínda con todas as trabas que lle poñemos, se abre camiño e florece”, explica Sara Iglesias. A parte central da exposición está dedicada aos catro elementos da natureza, baixo os cales están colocados obxectos ou pezas que se identifican con eles, mentres que a terceira parte está centrada no mar. Aínda que a mostra vai dirixida a todas as idades, a autora fai fincapé en que o proxecto naceu de “querer concienciar desde a infancia sobre o que está pasando”. Todas as ilustracións están realizadas a acrílico e dixital.

“Involución” poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame entre o 23 de abril e o 27 de maio. O horario de visita é de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, e os luns, mércores e venres, tamén de 18:00 a 21:00 horas.

Paralelamente á inauguración da exposición, a Casa da Cultura de Lousame acollerá un obradoiro de elaboración de marcapáxinas para nenos e nenas de 7 a 12 anos, que terá lugar entre as 12:30 e as 13:30 horas.

Con estas actividades, o Concello de Lousame pon o punto final á programación elaborada co gallo do mes do libro. Un programa iniciado o pasado 2 de abril, coa conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e baixo a lenda “As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día”. Seguindo o estilo iniciado durante o confinamento para achegar recursos culturais para desfrutar do ocio en familia, o Concello de Lousame propón volver a ler dous clásicos do conto infantil (“Pulcarcita” e “O traxe novo do emperador”), achegarse á figura de Hans Christian Andersen ou ler a mensaxe que Richard Van Camp deixou para nenos e nenas do mundo co gallo do Día Internacional do Libro Infantil 2022.