Saturday 16 de November de 2024

Trenor destaca o papel da Mostra do Encaixe como plataforma de divulgación e renovación do oficio


— A Xunta colabora habitualmente neste encontro que está consolidado como un importante escaparate da marca Artesanía de Galicia e un dinamizador económico da zona e do sector ar-tesán galego

— O delegado da Xunta invitou¡ a todos os que aínda están a sopesar plans de última hora a visi-tar este evento porque é un acerto garantido para descubrir a beleza dos encaixes, a mellor gas-tronomía e a hospitalidade deste concello

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na inauguración da XXXI Feira do Encaixe de Camariñas. Como xa é habitual, a Xunta colabora neste evento, que está organizado polo Concello de Camariñas e pola Deputación da Coruña, no que se dá a coñecer o oficio tradicional do encaixe que está en renovación continua grazas ao traballo de profesionais da artesanía e do deseño. A Mostra do Encaixe estase a consolidar como un escaparate da marca Artesanía de Galicia, un punto de encontro para o sector artesán e para a moda galega, así coma un motor de dinamización económica e turística da zona que axuda a proxectar a imaxe de Galicia e dos seus oficios no exterior.

Nesta edición a Mostra do Encaixe de Camariñas conta coa participación de 18 postos de encaixeiras. O programa de actividades, que se prolongará ata o próximo domingo 17 de abril, inclúe diferentes desfiles coas creacións de 25 deseñadores noveis que amosarán diferentes propostas de aplicación do encaixe ao mundo da moda, 12 firmas de recoñecido prestixio e artesáns de diferentes oficios. Está previsto que participen delegacións internacionais de Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa e Suíza

Na súa intervención destacou que “o encaixe é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta. A proba é que durante estes días pasarán por esta instalación turistas procedentes de todos os continentes”.

Ademais, recalcou que “sen o encaixe de palillos Camariñas non sería Camariñas, xa que tres de cada cinco palilleiras galegas residen neste municipio” e apuntou que “a banda sonora de Camariñas é o rechouchío rítmico dos seis palillos”. Neste senso, animou a todos os que participen neste evento a “deixarse levar pola sedución do encaixe para descubrir a súa beleza e versatilidade”.

Con respecto a edición deste ano, Trenor apuntou que “este 2022 é un ano moi especial para Camariñas porque se recupera a celebración desta mostra do encaixe nas súas datas e no seu formato habitual. Nunca pensamos que nos vísemos limitados por unha pandemia destas características, pero tampouco acertabamos a ver o final do túnel”. “Hoxe, a piques de recuperar o máis parecido a aquilo que era normal, e coa dor incurable que nos produce a ausencia dos que quedaron no camiño, podemos cantar vitoria: tiunfou o sentidiño”, subliñou.

O delegado da Xunta rematou animando a todos a visitar este Concello: “se algún aínda está a sopesar plans de última hora, visitar Camariñas estes días é un acerto garantido. A mellor contorna, a mellor gastronomía, a mellor compañía e a beleza espectacular e cativadora dos encaixes. Comprar encaixe é comprar anaquiños de Galicia. Vestir encaixe é distinguirse do vulgar e facer cotián o sofisticado. É levar no peto un lugar ao que sempre hai que volver”.