Friday 22 de November de 2024

A Última Cea do Salvador pola tarde e o Flaxelado pola noite ocuparán a axenda procesional deste Xoves Santo en Santiago


• A procesión da Confraría da Vera Cruz sairá ás 19.30 horas da igrexa de San Francisco e, ás 23.30 horas será o Flaxelado o que percorra en total solemnidade o casco histórico

A procesión da Última Cea do Salvador será a encargada de saír á rúa, desde a igrexa de San Francisco, ás 19.30 horas deste Xoves Santo acompañada por un parte da Corporación Municipal, posto que o paso da Última Cea é propiedade da propia cidade de Santiago.

Xa, ás 23.30 horas, será o turno da Confraría do Flaxelado. A procesión, que sairá da igrexa de Santo Agostiño, realizará a súa Estación de Penitencia coa sobriedade que a caracteriza. Os seus confrades, na maioría descalzos, recuperan un desfile que, desde a fundación da confraría, nunca deixara de saír, salvo estes dous últimos anos por mor da pandemia.

A Confraría da Vera Cruz, restituída no ano 1997, ten coñecemento de que a súa fundación data de 1948. Cabe destacar que, durante o século XIX, os pasos do Xoves Santo desaparecen froito da inacción do tempo e da barbarie das tropas francesas, que aloxadas en 1809 no convento de San Francisco, onde se custodiaban, as romperon a sabrazos. Con posterioridade, aquela procesión vaise centrar exclusivamente no paso da Última Cea, o único que se puido reconstruír, o cal dende 1856 contará co grupo escultórico que, todavía hoxe, percorre as rúas da nosa cidade.

Percorrido da Procesión da Última Cea do Salvador:
Campiño de San Francisco · Rúa de San Francisco · Praza do Obradoiro · Rúa Fonseca · Praza das Praterías · Rúa do Vilar · Praza do Toural · Rúa Nova · Rúa de Xelmírez · Praza das Praterías · Rúa Fonseca · Praza do Obradoiro · Rúa San Francisco · Campiño de San Francisco.

En canto á Confraría do Flaxelado, fundada no ano 1953, cabe destacar que a súa orixe se remonta á congregación mariana de San Luís Gonzaga da igrexa de Santo Agostiño, e hoxe a confraría congrega a 350 confrades na noite do Xoves Santo.

A imaxe do Noso Pai Xesús Flaxelado foi tallada por Diego de Sande no primeiro terzo do século XVIII e é levada a ombros polos seus confrades. Como característica pódese destacar o seu carácter penitencial, con cruces e cadeas, na que ademais, gran parte dos confrades procesionan descalzos.

Procesión do Flaxelado:
Praza de Santo Agostiño · Rúa de San Bieito · Praza de Cervantes · Rúa da Algalia de Arriba · Praza de San Miguel · Rúa de Abril Ares · Rúa das Campás de San Xoán · Rúa da Acibechería · Rúa de Tras San Paio · Rúa da Conga · Rúa do Preguntoiro · Rúa da Caldeirería · Rúa das Orfas · Praza do Toural · Rúa do Vilar · Rúa de Xelmírez · Rúa da Conga · Rúa do Preguntoiro · Praza de Cervantes · Rúa de San Bieito · Praza de Santo Agostiño