Algo máis de seiscentos veciños e veciñas de Oroso, maiores de 60 anos e os seus acompañantes, participaron na tradicional Festa dos Maiores do Concello de Oroso, que tivo lugar este sábado no complexo deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. Un xantar que estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, á fronte de gran parte da corporación municipal.
A festa comezou ás 13:00 horas cunha misa cantada polo Coro Santa Catalina no propio polideportivo municipal, á que seguiu un xantar de confraternidade servido polo restaurante “A Magdalena”. O xantar consistiu nun menú composto por empanada, polbo e tenreira, con fresas con nata de sobremesa e café. Todo regado con auga, viño e refrescos. Logo da comida tivo lugar unha festa-baile, amenizada polo grupo “Dúo Chanel”.