Friday 22 de November de 2024

O barítono Borja Quiza e o tenor Daniel Muñoz, alumno e mestre, compartirán escenario por primeira vez, coa Orquestra Gaos e no Ágora


O concerto, que terá lugar este mércores desde as 20.00 horas, baséase no repertorio do compositor Giuseppe Verdi

O auditorio do Centro Sociocultural Ágora abre as súas portas este mércores 13 a un concerto moi especial. Desde as 20.00 horas, a Orquestra Gaos que dirixe Fernando Briones subirá ao escenario acompañando o barítono coruñés Borja Quiza, cunha dilatada carreira internacional e que actuou recentemente no Teatro Real de Madrid, e o tenor arxentino Daniel Muñoz, artista de extensa traxectoria e un dos primeiros mestres e mentores de Quiza.

Será a primeira vez que Quiza e Muñoz compartan escenario cunha orquestra de fondo, un aliciente valorado polo barítono “porque Daniel Muñoz é a persoa que máis influíu na miña formación vocal e na solidez da miña técnica. Sen dúbida será un fito na miña vida poder cantar con el na miña cidade, dirixidos os dous por un amigo e fantástico director como Fernando Briones, e acompañados pola Orquestra Gaos, formación que vin nacer, medrar e converterse nun dos proxectos orquestrais privados de maior nivel do noso país”.

O programa do concerto, ‘Tutto Verdi’ achégase ao repertorio do compositor italiano Giuseppe Verdi, “que conecta especialmente co meu lado máis emocional”, sinala Quiza. Fernando Briones, director da Orquestra Gaos, sinala que “o concerto de mañá será moi especial, xa que estará cargado de emocións: por ver dous grandes artistas cunha conexión moi forte, por primeira vez con orquestra e, ademais, cun repertorio escollido para a ocasión, que marcou a traxectoria do primeiro e que seguro tamén fará o propio co segundo”. “Ademais, eu vivín de preto como se forxou esa conexión e, a bo seguro, toda esa enerxía trasladarase ao público. Nestes doce anos, a Orquestra Gaos consolidouse como unha aposta de calidade chea de talento, e poderemos demostralo unha vez máis con este difícil programa que rebosa expresividade polos catro costados”, agrega Briones.

As entradas para asistir ao concerto están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de luns a venres, en horario de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas, coa excepción dos festivos), cun prezo único de 10 euros. Os pases tamén poderán adquirirse mañá nos despachos de billetes do Centro Sociocultural Ágora desde unha hora antes do inicio da sesión, sempre que haxa entradas dispoñibles.