Os libros estarán expostos e poderán recollerse do 19 ao 22 de abril na propia biblioteca
A Biblioteca Municipal de Boqueixón conmemorará o Día Mundial do Libro, que terá lugar o sábado 23 de abril, agasallando un libro a elección de cada veciño e veciña do municipio. Os libros dispoñibles, froito de distintas doazóns de particulares e entidades, estarán expostos nas instalacións da Biblioteca entre o martes 19 e o venres 22 de abril, en horario de mañá (e pola tarde tamén o mércores 20 e venres 22 de abril).
A oferta de títulos e xéneros para escoller é variada. No caso dos máis pequenos, non faltan exemplares dos Bolechas ou da Disney (Tarzán, Patoaventuras…), canda outros personaxes máis propios dos seus pais e nais, como Mortadelo ou Zipi e Zape. O público adulto tamén poderá elixir entre novela e ensaio, tanto en galego como en castelán. De clásicos como Agatha Christie ata os tradicionais Cadernos de Gres.
Filipa cos contos
A maiores, a biblioteca municipal de Boqueixón acollerá o venres 22 de abril, ás 16:00 horas, o espectáculo “Filipa cos contos”, de Bandullo Azul. Trátase dunha sesión de contos de 50 minutos para toda a familia. Historias tradicionais, música e humor que se reparten entre os dous contadores que suben a escena: o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa, un monicreque que lle dará un valor engadido ás historias de carácter tradicional: a súa experiencia.
Entre eses contos haberá tamén historias cantadas, xogos de palabras, historias doutras terras… Contos acompañados dunha guitarra nos que Fran Campos e Filipa farán desfrutar, aprender e reflexionar tanto a nenos e nenas como ás persoas maiores.
A participación é totalmente gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no teléfono 655 882 100 ou no mail: biblioteca@boqueixon.com. Unha iniciativa organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración co programa Ler conta moito.