Friday 22 de November de 2024

A carreira C10 máis solidaria amósalle o seu apoio ao pobo ucraíno e recadará fondos para axuda sanitaria


A proba contará cun dorsal 0 que lles permitirá ás persoas interesadas facer donativos e haberá unha sesión de zumba solidaria no Parrote aberta a toda a cidadanía

O Concello da Coruña promoverá durante a realización da carreira C10 do próximo domingo 24 de abril accións solidarias en apoio á poboación ucraína, que continúa padecendo as consecuencias da invasión rusa no seu país. Este martes a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, presentaron as iniciativas municipais durante este evento organizado conxuntamente coa Federación Galega de Atletismo, representada na rolda de prensa polo seu presidente Isidoro Hornillos. Tamén participou no acto Natalia Afónina, presidenta da asociación AGA-Ucraína.

A cidadanía poderá facer as súas achegas económicas tanto a través da páxina web habilitada pola Federación Galega de Atletismo como nunha urna colocada no Parrote o día da carreira. Para esta acción solidaria creouse o dorsal 0 ou dorsal solidario. Os fondos recadados irán destinados á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína) co obxectivo de dotar os hospitais ucraínos do material necesario para atender as persoas feridas pola guerra. Concretamente, desde o goberno de Ucraína reclámanlles ás ONGs que colaboran con eles que precisan apósitos e medicamentos para interromper hemorraxias.

Ademais, o propio día da proba, a partir das 12.15 horas, realizarase no Parrote unha sesión solidaria de zumba aberta a toda a cidadanía. Poderán participar nela as persoas que se inscribiron na carreira, que mercaron o dorsal 0 ou quen se achegue ata o recinto ese mesmo día.

Por outra banda, as camisetas que lucirán os corredores e as corredoras durante a carreira contarán coas cores da bandeira ucraína e a palabra ‘paz’ no seu idioma. Desde o Concello invítase ás persoas refuxiadas da guerra residentes nestes momentos na cidade a participar nas accións solidarias e na proba deportiva.

Accións municipais de apoio a Ucraína
Estas novas accións responden ao compromiso do Goberno municipal de Inés Rey co pobo ucraíno nestes duros momentos. Desde o Concello estanse a levar a cabo diferentes iniciativas para facilitar a acollida e a integración das persoas refuxiadas que chegan á cidade.

O goberno local creou a Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno, que informa de todas as posibilidades das que dispoñen tanto as persoas ucraínas como as interesadas en axudar.

Ademais, habilitouse unha páxina web en ucraíno, castelán e galego con todas as cuestións de interese. Por outra banda, o Concello puxo a disposición do Goberno de España, responsable da acollida de persoas refuxiadas, vivendas de titularidade municipal por se fose necesario o seu uso, ademais de crear un formulario para que as persoas interesadas en acoller xente ucraína poidan inscribirse. O dito formulario utilizarase para crear unha listaxe de posibles familias acolledoras, que será usado en caso de necesidade. As persoas interesadas recibirían unha formación específica en caso de ser requiridas.